Entre as novidades, este ano acudiron representacións da denominación de orixe Rías Baixas e da Ribeira Sacra. A ambientación da festa foi nesta ocasión, "moi rural", segundo resaltou a xerente da Cooperativa Campo Capela, Ana Vence, xa que se pretendeu facer un encontro con múltiples connotacións ao campo galego e cunha orientación destinada tamén aos nenos, con xogos como un laberinto e outros motivos como un tractor ou unha vaca e unha araña xigantes, todo elaborado a partir de pacas e rolos de herba seca.
A Cooperativa Campo Capela, que xunto co concello e coa colaboración veciñal, organizan este encontro, sacou este ano un novo produto, un queixo de inverno que non estivo hoxe á venda, xa que se fixo con leite recollido entre setembro e marzo e xa se esgotou.
O pregón
O pregón deste ano estivo adicado ao mestre e escritor Xabier P. Docampo, finado o pasado mes de xuño na Coruña. Foi pronunciado polo seu fillo, Xabier, fotógrafo e ilustrador, que teceu a historia voltando a moito tempo atrás, antes de que houbera gando na casa.
Argumentou que o único vestixio que ao parecer hai no mundo dese proceso no que o gando pasou de ser bravo a doméstico está en Galicia. Aquí atopouse o corpo dunha muller que os científicos lle puxeron de nome Elba. Era persoa nova e morreu nun accidente cando a acompañaban bois e vacas, que daquela aínda eran salvaxes e as vacas aínda non se deixaban muxir.
Puxo o pregoeiro a Elba nesta historia como a inventora dos nomes dos animais, un primeiro e fundamental paso para a súa domesticación, aínda que tiveran que pasar miles de anos para que as vacas chegaran a deixarse munguir. E lembrou que concluíron os científicos que aínda que non era do lugar onde morrera, Elba perdeu a vida "nun terreo de rochas graníticas, como é A Capela e de gando salvaxe que aquí tanto hai".
Receitas con requeixo
Para a ocasión, convocouse tamén unha nova edición do concurso de receitas con requeixo, tanto para pratos doces como para para pratos salgados, con premios para os dous primeiros clasificados.
Houbo igualmente exposicións de artesanía ou maquinaria agrícola, degustación de produtos, e boa música durante toda a xornada, que rematou cunha noite folk amenizada por 'Tiruleque' e 'A Roda'.