O municipio coruñés de Moeche recuperou hoxe domingo o pulso da súa Feira do Queixo, despois de tres anos sen celebrarse polos problemas de todos coñecidos provocados pola pandemia. A pouco de comezar o encontro, foi xa preciso xa reforzar o servizo de autobuses para recoller aos visitantes que utilizaron o denominado Tren do Queixo, con saída de Ferrol ás once menos cuarto da mañá e regreso pola tarde en tres tandas, a partir das 14 horas.
Non volveu defraudar -desde logo- o público visitante, "ávido" e "desexoso" de participar no encontro, despois de que en 2020, a tres días da súa celebración, tivese que suspenderse", segundo lembrou a alcaldesa da localidade, Beatriz Bascoy.
Para a rexedora municipal unha das bazas importantes foi, nesta edición que se acaba de pechar, a variedade de queixos artesáns e a calidade, procedentes de Galicia e dalgúns puntos do Estado. De fóra, repetiu o 'gamoneu', de Asturias, e acudiu como queixería convidada Goine, de Guipúscoa, coas súas propostas de 'idiazábal'.
Á espera da cifra das vendas
Haberá que esperar para as estimacións do público asistente, que nunha anterior edición estivo en arredor dos 5.000 visitantes. Adiantou Beatriz Bascoy que para este ano, trabállase cunha ficha de avaliación para ter as cifras de vendas. O dato podería estar dispoñible este mesmo luns.
En total foron 38 os postos acollidos na nave cuberta, deles 28 queixerías (18 de Galicia e dez de fóra). Durante a xornada houbo unha visita guiada ao Centro de Transformación Agraria A Fusquenlla,, catas comentadas por Alejandro Montes, actuacións musicais ou obradoiros infantís de cerámica e de elaboración de queixo.