Así o indicou a titular de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego do concello pontés, Ana María Pena Purriños, quen resaltou que a experiencia segue a ser positiva e que está a servir para que cada ano se achegue máis xente a coñecer o queixo do Eume e o mel de Goente, que é a parroquia na que se celebra o encontro e na que se atopa o Casa do Mel.
O único queixo que se fai no municipio, na parroquia da Faeira, é o elaborado baixo a denominación comercial de Queserías del Eume. É ben coñecido nas comarcas de Ferroltera, Eume e Ortegal, onde se asentan media ducia de queixerías. Trátase, polo tanto, dunha zona onde hai e se consome moito produto, segundo recalca ao pé de posto de venda Ana Isabel Prieto Díaz, xerente de Queserías del Eume.
Esta fábrica, que ofrece uns queixos que polas súas características poderían entrar nas esixidas na Denominación Arzúa-Ulloa, espera darse de alta en breve -antes de que remate o ano- na fabricación de queixo da Denominación de Orixe Protexida Tetilla, para a que non existen as limitacións xeográficas que impón o Arzúa-Ulloa, xa que se pode fabricar en toda Galicia. Aínda que se trata inicialmente dun reclamo, o obxectivo último é vender o producto en mercados exteriores, fóra da Comunidade Autónoma.
E como as feiras son terreo abonado para recoller e analizar a opinión dos amantes do queixo, a fábrica pontesa presentou para a ocasión un novo produto, un semicurado de seis meses, ao que se suma o que xa fabricaba de mes e medio de curación.
Nesta oitava edición, acudiron ao recinto feiral –baixo unha gran carpa que ano tras ano se monta para protexerse das posibles inclemencias do tempo- outros cinco postos de venda de queixos, entre eles o da Cooperativa de Produtores Campo Capela -no concello veciño de A Capela-, O Casal (San Sadurniño) ou Queixos de Brigantia, fábrica esta última tamén de San Sadurniño, cun ano no mercado que se está a abrir camiño con produtos como o seu queixo fresco tradicional, un requeixo propio, o seu cremoso ou o semicurado 'Grei de Breogán'.
800 comensais
A Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente está organizada polo concello pontés, xunto coas entidades veciñais Raíces e Virxe do Rosario, así como pola Casa do Mel e por Queserías del Eume.
Na comida e na merenda do domingo, en total, calcúlase que participaron uns 800 comensais. Ademais dos seis postos de venda de queixos, acudiron trece de mel e máis de vinte centrados na artesanía e na venda de productos diversos.