QdeG
A Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa mantén a consolidación do crecemento da produción dos seus queixos, cun 2,10 por cento máis en 2020 en relación co ano anterior, no que mandou na economía un desconcerto xeral que en maior ou menor medida chega ata hoxe. Non obstante, "a situación está ben; non hai queixa", segundo o balance resumido do presidente do Consello Regulador da DOP, Xosé Luis Carrera Valín, quen recorda que durante a última década "crecemos un pouco. Estivemos estabilizados un anos pero, precisamente, o ano pasado, que foi o ano da pandemia, medramos".
Xosé Luis Carrera apunta que os produtos de proximidade, como é o caso do Arzúa-Ulloa - chámalle de proximidade porque este queixo prodúcese en Galicia, onde se vende o 80 por cento do total-, foi ben acollido nunhas circunstancias como as da pandemia. E aínda que se baixou algo na hostalería, o groso das vendas estivo na relación das familias coas tendas, mercados e supermercados, e "aí, aumentamos"recalca.
Sobre como vai 2021, sinala que "está máis tranquilo" e que , non se creceu aínda. Con todo, recoñece que é difícil poder facer balance agora, á metade de ano, no que "imos por o momento un pouquiño por debaixo do 2020". Haberá que esperar a que remate o 2021. "Pero estamos ben".
O valor económico estimado da produción certificada en 2020 supón un total de 22,65 millóns de euros, fronte aos 21,11 millóns do ano 2019, segundo os datos da Consellería do Medio Rural. A produción pasou dos 3,6 millóns de quilogramos (3.606.707), case 75.000 quilogramos máis que en 2019 (3.523.475),con arredor do 2,1 por cento de crecemento.
Datos da década
Desde 2010, o Arzúa-Ulloa pasou de 3,2 millóns de quilogramos producidos a eses algo máis de 3,6 millóns en 2020. As estimacións reflicten tamén unha valoración económica de vendas crecente,que no período pasou dos 19,22 millóns de euros (2010) aos 22,65 millóns (2020). Neste tempo, as queixerías pasaron de 21 a 19.
Hai que dicir, sen embargo, que en 2011 había 24 fábricas de queixo en produción, que se mantiveron en 2012, para baixar ata as 23 en 2013. A partires desta última referencia, o dente de serra tivo a cota máis elevada nas 22 queixerías de 2015, para ir baixando logo ás 19 do último exercicio pechado. Aínda así, matiza Xosé Luis Carrera que algunha hai que non está producindo neste momento, pero débese a un cambio de titularidade.
En 2020, segundo os datos da DOP Arzúa-Ulloa e da Consellería do Medio Rural, as unidades certificadas pola denominación supuxeron un incremento de máis dun 6,3 por cento sobre o exercicio anterior, con 3.871.000 queixos contraetiquetados.
Se hai un crecemento global na produción do 2,10 por cento e o número de pezas supón un 6,3 por cento máis, explica o Consello Regulador da DOP que se debe a que funcionou a tendencia das crisis económicas: decantarse pola compra de pezas de menor tamaño e, polo tanto, a un prezo máis acaído.
Pero é significativo que este queixo manteña os seus incrementos ano a ano. Unha razón de peso é, sen dúbida, que se trata dun producto de moita calidade e a un bo prezo. Non en balde é a segunda denominación de orixe protexida española que máis vende, despois doutro clásico do mercado español como é a DOP Queixo Manchego.