Como evolucionou a Denominación de Orixe Protexida Queixo Arzúa-Ulloa?
O queixo foi recoñecido en 1995 como Denominación de Orixe Protexida, cunhas dez queixerías e delimitada por 25 concellos, 15 na provincia da Coruña e dez na provincia de Lugo. Alá polo ano 2008, pasaron a formar parte da denominación sete concellos máis do Deza.
E cal é o segredo de que sexa actualmente a segunda denominación que máis vende en España?
O certo é que o Arzúa-Ulloa, pola súa suavidade e pola súa cremosidade, fai que sexa un queixo para todo tipo de padales.Pódese tomar en calquera momento e a calquera idade, porque non é un queixo forte, senón que é suave e con matices, moi agradable ao gusto. E iso eu creo que é o que fai que sexa un queixo de gran consumo.
Cales son as principais cifras da denominación?
No ano 2015 vendéronse case tres millóns e medio de quilogramos de queixo e medramos un 6 por cento en relación ao ano pasado.O crecemento está a ser sostido ao longo dos anos. O vendido en 2015 supón unha facturación duns 20 millóns de euros.
E crecendo...
Posibilidades de medrar hai, pero cada vez é máis complicado, porque con ese volume de produción resulta difícil seguir mantendo crecementos importantes. Pero sobre todo, o noso crecemento, agora, debería vir impulsado máis pola comercialización fóra de Galicia. A comunidade autónoma segue a ser o noso mercado natural , con aproximadamente un 80 por cento do producto consumido aquí. Polo que as posibilidades de crecemento empezan a estar, cada vez máis, fóra de Galicia.
Falamos dun queixo que pode estar tempo sen consumirse?
O queixo Arzúa-Ulloa é un queixo cremoso que ten un período de consumo preferente de tres meses desde a súa posta no mercado, pero, de feito, este queixo non caduca; pero se pode rotar e cada mes pode estar circulando, moito mellor, porque esa textura cremosa vólvese un pouco máis seca e xa non ten esas características tan particulares e peculiares que a xente busca neste queixo. Por iso, a rotación neste queixo é importante.
Hai moitos matices cando se degusta?
Con ser un queixo tenro, non madurado, onde os matices mandan máis, si que ten particularidades. Aínda que en termos xerais veña marcado por esa suavidade e cremosidade, cun toque a sabor lácteo e iogur por a súa xuventude, ten matices, nos que hai que incluir os que aporta cada fabricante.
É revisable a ampliación xeográfica e que se chegue a zonas a cuxas portas quedou a denominación?
Creo que non, a revisión xa se fixo no seu día, por unha presión de queixerías que realmente xustificaron daquela que se facía o queixo nesa área xeográfica, agora non ten ningún sentido. Primeiro, porque a área xeográfica está bastante delimitada e responde a una tradición. Nós non delimitamos a área xeográfica porque este concello é mais guapo e este máis feo, non. Houbo na demilitación criterios moi obxectivos, sobre todo de tradición histórica de zonas que eran de tradición do queixo, e aí se delimitou. Non ten ningún sentido agora mesmo calquera tipo de plantexamento de ampliación porque, hai que recoñecer que dentro da área xeográfica o que estamos a transformar non chega ao dez 10 por cento do leite que se produce. Polo tanto, ampliar a área de producción de leite non ten ningún sentido. Temos marxe de crecemento dentro da denominación Arzúa-Ulloa sen ter que ampliar a área xeográfica.
Que aporta a festa anual do Arzúa-Ulloa?
Sempre digo que esta festa, para nós, é comparable a cando se celebra a do santo patrón parroquial. E un dos patróns dos galegos, que hai moitos, é o queixo, o que lle chamamos o queixo do país, que todo o mundo coñece e que está en todos os fogares. Non en balde falamos de que esta produción que temos, de preto de tres millóns e medio de quilogramos, se vende en Galicia, co cal, é o queixo noso por excelencia. E na zona da Ulloa, e tamén aquí en Arzúa, honramos unha vez ao ano a ese patrón, a ese queixo noso. Entón, digamos que é celebrar a festa do queixo os elaboradores, os produtores e os consumidores. A xente cando vén non o fai para mercar un queixo que atopou aquí sen máis, senón que é un queixo que habitualmente atopa nos supermecados, duns ou doutros fabricantes, pero aquí vén a honrar o seu queixo, aquilo que come todos os días ven a honralo. Hai vendas, pero non é o importante, hai promoción, porque sas nos medios de comunicación, pero mais que nada é a honra a ese produto.
A xente responde sempre...
Sempre. Vén a pesar das inclemencias meteorolóxicas, de que faga frío e a pesar de que veña a comprar un produto que mañán ten á porta da súa casa, no primeiro supermercado que teña de man. E a pesar de todo, vén a festa e leva un queixo de aquí.
Que perspectivas inmediatas hai para a denominación, novos produtos...?
Non, a denominación de orixe é dun queixo cunhas características determinadas. Nós non podemos sacar outros produtos diferentes. Si que temos algunhas variantes, como pode ser o queixo con pementón, que é tradicional, e que pode ser unha variación na denominación Arzúa-Ulloa, ou queixo curado, cunha curación menor dos tres meses que temos como unha pequeña labor que está sen cubrir que é para un queixo que non é o Arzúa-Ulloa cremoso nin é un de seis meses, senón que pode haber un de tres ou catro meses. Todo dentro sempre dese perfil tipo do queixo que estamos amparando. Entón, o noso crecemento pasa por mellorar as presentacións, mellorar na comercialización ou poder chegar máis lonxe co produto para que o crecemento poida vir dado por este factor. Ou sexa, sobre todo, promoción e traballar cos máis novos, algo moi importante, porque cada vez hai máis produtos no mercado, incluso queixos. Traballar, por exemplo, cos colexios, facendo catas comentadas, colaborando cos centros de hostalería, donde hai moitas posibilidades.