Foi todo ao grande, xa que se nos fogóns se puxeron paelleras capaces de elaborar de 200 a 300 racións, non resultou menos apropiada a máquina para preparar os freixós, dos que, segundo as previsións máis optimistas, poderían haber saído entre 4.000 e 5.000 unidades. Ademais de consumilos no propio recinto, como un complemento máis da comida, os asistentes puideron levar tamén os freixós para a casa, a razón de tres euros por cada seis unidades.
Os que se apuntaron á comida pagaron 20 euros, que quedaron en tres euros para os que acudiron á meranda.
Queixo, requeixo e mel
Pero ademais do churrasco, a paella, as mantecadas e os freixós, os comensais puideron dar boa conta tamén dos queixos e dos requeixos da zona, elaborados por Queixerías do Eume, con 50 anos de tradición na preparación dos derivados do leite.
E como produto estrela igualmente neste encontro, estivo presente o mel de Goente, xunto cunha boa representación de meles de moi distintos puntos de Galicia, como Vilalba, Viveiro, Cabanas, Valdoviño ou Quiroga.
Como en edicións anteriores, a feira contou co patrocinio do Concello das Pontes de García Rodríguez, baixo a organización da Casa do Mel de Goente,Quixerías do Eume e dos colectivos veciñais Raíces e Virxe do Rosario.
Obradoiros de barro, velas, cestaría ou queixo, así como xogos tradicionais e karts, completaron a oferta da xornada dominical, que rematou cunha verbena.
Queixerías do Eume, a Casa do Mel e as referidas asociacións veciñais levan sete anos, coa axuda do Concello, promocionando diversos produtos típicos do municipio, o queixo, as mantecadas e requeixo e o mel.
Queixerías do Eume tiña antiguamente a fábrica na parroquia de Goente, aínda que andando o tempo trasladou a fábrica a A Faeira, dentro tamén do municipio. A súa produción está en arredor de 140.000 quilogramos, que venden fundamentalmente en Galicia.