Cun mercado local e galego amplo, español e incipientemente internacional, a marca vende camiño dos 500.000 quilogramos de queixo anuais. Tendencias, innovación, produtos novos e crecemento son os argumentos clave que moven con éxito á empresa.
Coas costas cubertas no seu mercado natural e a cabalo da proxección da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa -da que 'Barral' forma parte- esta queixería explora con éxito o mercado nacional, no que a DOP é a segunda de España que máis vende. Pero as expectativas están postas tamén no exterior, onde ten mercados abertos xa en países como Francia, Holanda ou Alemaña. "Imos pouco a pouco", sinala Carlos Barral.
Ademais do Arzúa-Ulloa e do curado, a empresa fabrica tamén queixo Tetilla. E está traballando agora, de cara a finais deste ano ou comenzos do que ven, en sacar algún produto novo máis "que nos axude incluso de cara exportación", porque tanto en Arzúa-Ulloa como en Tetilla, "vanse facendo cousas", pero teñen unha vida "un pouco limitada que nos dificulta en parte ese camino de cara ao exterior", argumenta.
Do que se trata é, polo tanto, fundamentalmente, de dotar aos produtos "dunha vida un pouco máis longa", que terá que ver cunha maior curación. Non adianta Juan Carlos Barral nada polo momento sobre cales serán os novos produtos, que é máis que probable que non cheguen a axustarse ás esixencias da denominación Arzúa-Ulloa, pero que sen dúbida aportarán experiencias e sabores novos ao mundo dos queixos galegos é as demandas dos consumidores.
Bromea o dono da queixería siñalando que se trata un pouco agora como cando se especula cos nomes dos fubolistas que fichará un clube para a nova tempada, ata que está asinado o contrato…, haberá que esperar.
Crecer ao 20%
Os datos de 2017 da Queixería Barral falan dunha producción de preto de 490.000 quilogramos de queixo e dunha facturación de 2,4 millóns de euros. O crecemento sitúase en arredor dun 20%, evolución que Juan Carlos Barral considera que "se te moves, se espabilas, se cambias, se innovas" si que hai posibilidades de cremento no sector alimentario.
Para este fabricante, hai que ter en conta que as familias, os perfís dos consumidores, cambian, e iso obriga tamén aos produtores, que se teñen que adaptar de cara a onde van indo as tendencias de futuro. Na súa opinión, o sector hoxe está nun bo momento, pero advierte que non se pode durmir un e que hai que empezar a facer cousas novas e atender as demandas da xente.
A modo de exemplo, fala duns tempos, relativamente recentes, nos que as nais mercaban para o consumo familar pezas de dous ou tres quilogramos de queixo, que aseguraban dispor do produto camiño dunha semana. Hoxe a xente nova quere máis cousas, "e cando sai un venres pola noite pide unha taboa de queixos, e quere máis variedades e cousas novas", e esa franxa sinala que "tamén hai que procurar atendela".
En relación coa proxección exterior, o responsable de Queixería Barral cre que hai que transformar máis, pensando cara a onde irán eses produtos, para o que se precisa desenvolver, investir en investigación e desenvolvemento e facer novas cousas, co ollo posto nos mercados nacionais e internacionais, e atendendo ás novas tendencias, porque "a xente non é que coma menos, senón que come distinto", conclúe.