QdeG
A terceira edición das accións formativas de análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) chega mañá luns ao seu ecuador, cun curso de iniciación destinado ás persoas vencelladas ao sector e á industria agrogandeira que desexen adquirir ou mellorar competencias para elaborar os seus produtos.
O curso celébrase no concello pontevedrés de Lalín (Pazo de Anzuxao) e terá continuidade o mércores, 5 de outubro. Posteriormente, os días 17 e 19 de outubro, está programada unha nova acción formativa de inicio, que se desenvolverá, neste caso, no concello coruñés de Boqueixón (en Sergude).
Ao longo do mes de setembro xa se celebraron nas dúas localidades galegas de referencia outros dous cursos de perfeccionamento, complemento dos de inicio desenvolvidos na edición anterior.
Dado o importante aproveitamento desta formación que nas pasadas convocatorias obtiveron máis de douscentos alumnos, a directora dos cursos -a catadora Salomé Beiroa- propuxo en 2022 retomar de novo a actividade, que está a ter o mesmo éxito de participación.
Esta interesante proposta está financiada con fondos europeos (Feader) e pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Tamén colaboran os catro consellos reguladores dos queixos galegos con DOP, así como outras entidades.
Calquera persoa vinculada ao sector agrogandeiro, produtores, elaboradores e industria transformadora tiveron a aportunidade de inscribirse gratuitamente nestes últimos cursos, que non só se dirixen directamente á fabricación de queixos, senón tamén aos produtores lácteos, comercializadores e outros.
Promoción e protección da calidade
Un dos obxectivos da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Nas sesións formativas de inicio e formación complementaria abordanse cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.
Trátase, en definitiva, de achegar a industria e o sector agroalimentario aos queixos galegos con DOP (Tetilla, San Simón da Costa, Cebreiro e Arzúa-Ulloa).