Antonio S. Rocha
No ano 2013, xusto cando lles chegou o rexistro sanitario, púxose en marcha en Friol (Lugo) Queixos Conchy, despois de que en 2012, César Modia Lage rematase os seus estudos. Era delineante, pero como non tiña traballo daquela é o país andaba en crise, apostou coa súa familia por montar a queixería da que é hoxe copropietario, xunto coa súa irmá, Gemma Modia. Para o proxecto había unha base prometedora: a granxa familar que daquela atendía a súa nai. Por entón, os seus produtos do campo xa chegaban aos consumidores de Ponferrada. Hoxe, Lácteos Conchy segue a ser un pequeño produtor, de xeitos tradicionais, que ofrece os sabores, recendos e suxestións do leite natural, crú, que non precisan de moita publicidade; se acaso, para os consumidores, só da fortuna de telos preto, aínda que diso xa se ocupa Internet.
Pero, moito antes da fábrica, a aposta polos recoñecidos queixos do municipio de Friol era xa tradición, e a avoa de César, Carme Corredoira, non faltou, en 2003, á primeira edición da Feira do Queixo local. Carme sempre traballou o lácteo sobrante na casa e acudía daquela a cada certame con oitenta ou cen pezas, dependendo de como fora o ano e de como puidera ir acumulando materia prima para a ocasión.
Coa receita da avoa, en anos sucesivos, a familia seguiu coa tradición e facendo os queixos a vella usanza. E naquelas rúas e na praza da vila friolsense, ían e viñan nas cestas dos produtores e nas dos particulares cara a casa as mellores pezas. Queixos frescos 'blancuzcos', que sabían a rabiar. Outros máis curados, cunha amalgama de sabores máis sólidos e, os macizos -por ben curados e compactos- capaces de rebosar por momentos a pituitaria e afinar intensamente os padais.
Xacando -nos anos laborais da avoa Carme- celebrábase a feira do 4 e do 21 de cada mes en Friol. As queixeiras ían vender á praza. Pero como a feira do 21 de cada mes (ou do domingo máis preto do día 21) non tiña éxito, acabou por perderse. E quedou a do 4.
Analizada a situación, e como o que se quería por en valor era aquel queixo tradicional que facían as mulleres do concello -sendo alcalde Antonio Muíña- foi cando se fundou a Feira do Queixo.
O gran sabor do crú
Desde 2013, pasaron moitas cousas. "En principio foi tempo de contacto", sinala César Modia. "Temos leite crú, e somos tres en España os que o vendemos; e empezamos a comercializalo en Madrid. E veu a pandemia, foi a enfermidade de meu pai…, e paralizouse todo un pouco", lamenta.
Pero coa pandemia, Quexería Conchy abriu unha páxina web. "Agora vendemos en Portugal, en Marbella, en Málaga, en Barcelona..., e en calquera sitio de España; chámante e ao día seguinte saben que teñen o produto alí", sinala César Modia.
Leitería-Queixería Conchy produce na granxa uns 2.000 litros de leite diarios, dos que se utilizan entre un 60 e un 75 por cento para fabricar queixo. A produción, aventurando un pouco, podería quedar nuns cincocentos quilogramos á semana. No tempo do chamado 'queixo de nabiza', sempre se producíu un pouco máis cara á feira. É en Lugo, por exemplo, saben que sempre teñen máis vendas ata que remata o curso escolar.
Leite de Friol para España
No que se refire á produción de leite, da que se reserva para a venda directa, entre o 80 por cento e o 90 por cento vai fóra de Galicia. O leite crú gusta moito e, pedido a pedido, o produto sai a través dunha empresa de distribución que o entrega puntualmente en cada domicilio.
Por poñer un exemplo: un xinnasio de Xixón recibe cada semana un pedido de catro litros de leite. "Pídenmo o xoves e venres xa está alí", sinala César Modia. 'Conchy' vende este produto ao mesmo prezo que na queixería, pero o porte págao o cliente; e o sistema funciona.
Outro exemplo -neste caso en Galicia- son os quince litros de leite que lle envía a un cliente cada mes. O custo do transporte é, obviamente, menor que se se mandase a Madrid.
E para moitos galegos que queiran mercar este leite, en Galicia pódeno facer en Gadis, onde envían o produto, como mínimo, semanalmente.
Lémbrase que en España non hai practicamente quen teña aberto este mercado: "somos dous ou tres, non hai máis" reitera César.
O leite natural, crú, coñécese e valórase cada vez máis. "¡Que pasa!, que non se pide leite para un mes enteiro. Tes que collelo para a semana", argumenta, lembrando que "hai moita xente que o conxela, que o ferve…".
Os queixos
Esta fábrica ofrece queixo fresco, queixo cremoso ou madurado (de cinco, dez, quince días) ou dun mes, que xa sería "madurado, madurado". E está logo o leite crú.
O queixo fresco destes artesáns friolenses prepárase en tres formatos: un quilogramo e medio, un quilogramo e medio quilogramo. Védense a uns prezos moi competitivos dada a calidade do produto.
Estes produtos pódense adquirir na referida cadea de supermercados na provincia de Lugo
-salvo na zona da costa, á que se pretende chegar este verán-, xunto coas comarcas do Eume e do Ortegal, na Coruña. Xa está tamén nas zonas de Oleiros e Sada ou na de Betanzos.
En todo caso, para os amantes destes queixos, é doado pedilos a través da páxina web desta queixería.
'Conchy' ten en produción actualmente 55 vacas. O obxectivo inmediato é remodelar a granxa e, no futuro, a queixería, para incrementar a produción. Ten en mente tamén fabricar un queixo curado, típico de Friol, pero feito "ao modo de Carme", di con satisfacción César Modia.