As queixerías Daniberto e Casleiras teñen moito en común: excelentes produtos, como os queixos que fabrican -baixo a mesma denominación- no caso do San Simón da Costa; a proximidade e complicidade que dá ser orixinarios da mesma parroquia ou a de facer un produto que parece non ter competidores semellantes nos mercados nacionais e internacionais. E como é ben coñecido, parece que non hai ninguén -ou deben ser moi poucos- os que non lle guste este queixo. Pero máis aló destas circunstancias, imos falar dos dous queixos como propostas para este Nadal desde outra óptica, a de dispor da certificación de Galicia Calidade.
Desde 2014, por decisión da Xunta de Galicia, o selo Galicia Calidade é a 'marca paraugas' da economía galega para impulsar a súa competitividade nos mercados exteriores. Este é un factor moi acaído para a Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, xa que boa parte dos produtores están unidos para a proxección dos seus produtos no exterior.
O resultado é que, fóra, véndese todo o que se manda, porque se ofrece a mellor calidade, un producto exclusivo e a uns prezos máis que competitivos. Tanto é así, que a maioría dos fabricantes de San Simón da Costa aportan cara á exportación os seus produtos en común, sen marcas e baixo a Denominación de Orixe Protexida, cun éxito -crise a un lado- que non fai máis que medrar e de xerar novos mercados ao longo destes últimos anos. Por poñer un exemplo: Queixería Casleiras ten nas vendas do comercio exterior arredor dun 50% da súa facturación.
Daniberto
Quexería Daniberto naceu en 1992. Coa incorporción da segunda xeración ao negocio familar, comezaron a producirse novos produtos, así como a mellora das instalacións e o incremento da produtividade. Desta factoría sae o seu San Simón (45 días de curación), de aproximadamente un quilogramo, e o 'bufón', duns 800 gramos (30 días de curación).
Está logo o San Simón Reserva, que inclúe modalidades como 'Carmen Chao', 'Monseivane' e 'Vilar de Lagares' todos eles rexistrados na marca Galicia Calidade.
O San Simón da Costa Daniberto afúmase en labras de vidueiro, o que lle da un característico e diferenciado sabor que, segundo resalta o fabricante, convérteo nun produto "exclusivo"que o diferencia de todos os queixos galegos e, practicamente, de todos os queixos do mundo.
Elabórase con leite de vaca, pasteurizado e pode encontrarse en moitas tendas de Galicia e de España, así como en todo tipo de feiras anuais por todo o territorio español. Tamén pode solicitarse ao propio fabricante ([email protected]), xa que conta cunha tenda virtual plenamente operativa.
Casleiras
Sen desmercer a outros fabricantes, Casleiras é outra das queixerías chairegas que elabora un San Simón codiciado por moitos consumidores. Trátase dun queixo curado, con matices a manteiga, abelá e co característico toque do fume. A maduración parte dun mínimo de 45 días, no formato grande, que se reduce a 30 días no caso do pequeno (bufón).
Casleiras (casleiras.com) garantiza unha curación mínima destes queixos que, de feito, duplica a estipulada polo Consello Regulador da DOP San Simón da Costa. Conta con laboratorios propios para someter aos seus queixos a controis nas distintas etapas de elaboración. E está baixo a supervisión de Galicia Calidade, marca que certifica a calidade do produto.
Trátase da primeira queixería de Galicia en conseguir o selo de Galicia Calidade, recoñecemento que ten unha especial forza nas vendas cara ao exterior, sen olvidar o apoio recibido en todo o relacionado coa promoción.
Non fai falla abundar nos galardóns deste queixoque, como no resto dos da DOP, conta cun amplo abano de recoñecementos. O máis importante: a medalla de ouro, en 2012, na Word Cheasse Awards.
En breve: 'Anzuxao', 'Daniberto' e 'Feijóo': 'tetillas' para o Nadal (3)