O queixo do Cebreiro ten unha forma moi peculiar, que ao longo dos últimos séculos se foi asentando visual e semánticamente nun xeito de 'gorro de cociñeiro' ou na 'forma de fungo' -iso si, cun pé que, en termos micolóxicos calquera diría que taludo de máis no diámetro-. Seguindo o refraneiro popular, e neste caso a efectos prácticos, polo moito que presta, procede aquilo de que "do queixo do Cebreiro, comer ata o sombreiro". O dito rescatouno hoxe en Pedrafita para unha ampla audiencia o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, Xosé Tomé, pregoeiro e amante confeso do produto.
Cun sol de manga curta para moitos, e cos habituais postos dunha feira apta para todos os petos, contra unha da tarde xa tiñan as queixerías unhas boas ventas feitas. Desta volta acudiron da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, tres fabricantes, 'Castelo', 'Santo André' e 'Fonchave', asistidos por un bo repertorio de queixerías de Galicia e doutros puntos de España que consta que aproveitaron tamén o día.
E foi precisamente aló polo tempo do aperitivo, cando as degustacións e as compras ían dando paso á hora do xantar, cando José Tomé recoñeceu as bondades do 'Cebreiro', o seu pasado glorioso que o fixo estar nas mellores mesas e ser un dos tres queixos máis prezados e caros, ata chegar o gran esforzo de recuperación que se fixo deste manxar hai unhas décadas para convertelo no que hoxe significa: ser unha das 26 Denominaciós de Orixe Protexida de queixos que hai en España. E por se quedase algunha dúbida, declarouse amante do queixo, e en particular do que se fai en terras da montaña lucense, e apostou pola innovación e por todo aquilo que fai mellorar a vida en sectores como o de referencia.
Éxito de público e de vendas
Lembrou logo o alcalde do concello de Pedrafita, José Luis Raposo, que nestes dous anos de espera obrigada, houbo un "esmero moi especial" en reformar e mellorar cousas do feiral, e falou das felicitacións de vendores sorprendidos de que lles puxesen unha caseta de seu por vir. Engadiu que "Pedrafita ten tradición de feira", cos postos "dentro" das naves das que dispón o concello para facerlle fronte ao mal tempo, como na nevarada de hai un anos. E non agachou que na organización dun evento como este "é importante a organización e as ganas que lle poñas". "O resultado é este", dixo.
As naves e as casetas son do concello, e hai un "montón de xente traballando" para a ocasión "que se quita doutros sitios". E poderíase pensar que a organización de todo o soporte que lle deu forma ao feiral de hoxe, supuxese uns 50.000 euros; pero non é así, e algo que "está en arredor dos 6.000 ou 7.000 euros", asegurou.
Máis xente que en ningún ano
Pola súa parte, a secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo Cebreiro, María Teresa Prado, avaliou o feiral como "ideal", tanto pola climatoloxía como pola axistencia de visitantes, que cadrou con outras valoracións que puidese haber hoxe "máis xente que ningún ano anterior".
A recuperación foi boa o ano pasado e este "parece que está indo de marabilla", sinalou. Entre as últimas novidades cabe destacar que 'Castelo' elabora tamén queixo curado e que 'Santo André' está vendendo 'curado' para o estranxeiro. E logo está o anfianzamento do 'Cebreiro' en distintos puntos de Galicia, a través de supermercados como Gadis ou grandes áreas como Carrefour ou o Corte Inglés.