'Don Crisanto' segue a ser unha pequena queixería, con nada menos que dous premios especiais nas últimas edicións de 'Alimentos de España' ao mellor queixo. Na cata de queixos de Galicia do pasado ano, acadou as medallas de ouro da denominación Tetilla e San Simón da Costa.
Nos comezos, a queixería, sacáballe máis redemento ao produto, segundo asegura Cristina Román Candemil, que xunto coa súa parella, Iván Díaz Souto, tomaron o relevo dos pais dela, que se xubilaron no ano 2014.
Na arrancada, como sucede na maioría das pequeñas empresas queixeiras, as dificultades abundaron e os resultados en produción e venda foron cativos. Neste caso, lembra Cristina Román que se facían uns sete queixos diarios. Hoxe están en arredor dos corenta por xornada.
A produción anual desta empresa familiar non chega aos 100.000 quilogramos. As vendas, fanse na propia queixería, en diversas feiras e nalgunhas pequenas tendas. Fan campañas tamén de promoción en Asturias e Cantabria, e venden "algo" fóra de España, "pero pouco máis" sinala Cristina Román.
Calidade e valor engadido
A queixería estaba dentro do grupo exportador de queixos de San Simón da Costa, pero como se trata dunha produción pequena, a 'Don Crisanto' non lle compensaba estar aí. Recoñece - como nalgún caso máis dos fabricantes do San Simón da Costa- que teñen limitacións na produción. Iso non quita para que esta como as restantes queixerías teñan uns compradores preferentes, incondicionais, que buscan un producto ou outro en función de súa elaboración, do afumado, de que estea máis ou menos salgado ou dos pequenos segredos que cada fabricante lle engade aos seus queixos.
Ademais das tradicionais pezas do San Simón da Costa, 'Don Crisanto' cota coa proposta do bufón- o tamaño pequeño-, así como do curado -de seis meses como mínimo- e o igualmente popular patelo, xunto co seu requeixo.
Esta empresa traballa en incrementar o valor engadido de produción a través da transformación. Hoxe benefíciase das aportacións de transformación que impulsa a Administración autonómica e despois de diversas ampliacións constituíuse como Sociedade Agraria de Transformación (SAT).