A conta atrás está ao límite. Despois de varios anos de espera -polas razóns dabondo coñecidas- este domingo hai unha celebración importante na parroquia das Neves. Volve a Festa do Requeixo do Concello coruñés da Capela, un produto de gran aceptación do que se volverán vender milleiros de terrinas para consumo familiar; mentres outras moitas vanse converter en aperitivo ou en sobremesa daqueles que aproveitan o día para visitar, mercar, desfrutar e degustar un produto polo que moitos devecen é que está chamado a ser parte destacada no panorama queixeiro galego.
Pois si. O requeixo, presente en toda Galicia- gaña adeptos- pero tamén precisa dun empurrón definitivo para revelarse ampliamente como unha exquisitez cara ao seu consumo. Ao local e ao cotián -se son de lei e de raíz- hai que darlle recoñecemento e valor engadido. O futuro ten que pasar por iso.
Hai fabricantes que elaboran requeixo para atender unha pequena demanda -porque hai que estar no mercado-. E tamén hai quen inclúe o produto como proposta para tendas, hostalería, supermercados e grandes áreas comerciais. Pero todos, precisan dun paraugas legal.
Este domingo, nas Neves, celébrase a XXXII Festa do Requeixo, cunha exhibición de cans de pastoreo, pasarrúas, pregón, xantar, charanga e concerto musical. Ademais, está a tradicional exposición de maquinaria agrogandeira e forestal, un obradoiro de táboas de artesanía e oficios e os postos de alimentación habituais.
Venres e sábado celebráronse tamén actividades complementarias, como a ExpoFest A Capela.