Este 25 de marzo, Friol celebra a 26ª edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá, unha convocatoria que consegue duplicar e incluso triplicar a poboación do municipio e que, en palabras do alcalde da localidade, José A. Santos Sánchez, é a que actúa como o maior polo de atracción de visitantes con que conta o municipio.
A feira, seguindo a liña argumental dos organizadores, continúa a medrar e modernizarse, adaptándose aos novos tempos, pero sen perder a súa esencia. Debe ser por iso que a veciñanza considera o feiral como algo moi seu e acode masivamente cada ano á reunión gastronómica.
E para quen non os coñezan, o queixo de Friol e o pan de Ousá son dous produtos totalmente artesanais, elaborados coas mellores materias primas dun concello históricamente marcado pola actividade no sector agrario e gandeiro.
10.000 queixos, 3.500 pans
O éxito de vendas parece estar garantido e quen non chegue con tempo, arríscase a que escasee xa o produto, porque son moitos os visitantes que mercan aquí os seus queixos para unha tempada longa, para comer no curto prazo e tamén para deixar que sigan curando e degustalos en sinaladas ocasións.
Segundo o concello, as previsións de participación de queixerías e panadeiros coas que se vai contar son similares e incluso algo superiores ás de anos pasados, con arredor de 95 queixearías e cinco panadarías de parroquia friolense de Ousá. Serán total uns 10.000 queixos os que se poñan á venta e entre 3.000 e 3.500 as unidades de pan dispoñibles.
En evitación de sorpresas que xa non o son tanto, como pode ser a presencia chuvia, unha gran carpa ubicada na praza Andón Cebreiro acollerá os dous produtos principais da feira, mentres que ao redor colocaranse postos nos que se poderán mercar diferentes produtos alimentarios do municipio.
Ao carón da carpa principal estará tamén o posto municipal, no que, a unha da tarde, os asistentes poderán degustar totalmente de balde queixo e pan acompañados dun viño.
Na praza Rosalía de Castro instalaranse os postos destinados a exposición de produtos de diferentes sectores, como o artesano textil e o de viños, sidras ou licores. A apertura da feira está prevista para as once e media da maña.