A XIII Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente pechou hoxe as súas portas cunhas vendas superiores ás da edición anterior, aínda que, paradoxalmente, o número de asistentes foi algo menor, en boa medida, polas elevadas temperaturas. Os organizadores non dubidaron en sinalar que cun tempo tan bo o feiral ten un claro competidor: a praia.
Como todos os anos, a maior concentración de público produciuse entre as doce do mediodía e as dúas da tarde, para volver repuntar novamente tralo xantar. Ao longo da xornada, a estimación foi que poderían pasar polo recinto varios miles de persoas, segundo Elena López Seco, concelleira da Axenda Urbana, Turismo e Deporte e Promoción Económica das Pontes.
Con "frío, auga e vento" as visitas multiplícanse, segundo Raimundo Meizoso, de Queserías del Eume, quen lembrou que en convocatorias anteriores acadáronse os 4.000 ou 5.000 visitantes, e que nas catro primeiras edicións chegaron a estar entre os 10.000 e os 12.000.
Tampouco vai sol a gusto de todos
Polo que se ve, xa que logo, tampouco vai sol a gusto de todos, en especial nesta ocasión para os vendedores, que ano tras ano -nos últimos trece- teñen acougo debaixo dunha ampla carpa, a proba das inclemencias do tempo outonal.
Polo demais, a representación das queixerías volveu ser fundamentalmente da comarca do Eume, con outras representacións engadidas como a do San Simón da Costa 'Don Gabino'.
Repetíronse os obradoiros para cociñar con queixo destinados aos máis pequechos, con ensinanzas tamén sobre a floración e a polinización das abellas. A elaboración de petiscos para os asistentes foi neste ocasión a cargo de dous cociñeros do equipo da 'estrela Michelín' Bea Sotelo.