Non é novidade que na Festa do Queixo de Friol e Pan de Ousá se esgoten os dous produtos que cada ano se poñen á venda no recinto feiral. Este domingo (na XXIX edición) pasou igual, co que se cumpriron as expectativas e, as dúas e media da tarde, "non había nada que vender", en palabras do alcalde do municipio, José Ángel Santos. Así que, o que chegou tarde daquela terá agora que acudir aos fabricantes ou deixarse ver por feiras, mercados e establecementos da comarca onde o tradicional segue a ter lugar preferente.
Cumpríronse as expectativas e mellorouse a marca no número de visitantes, que o pasado ano chegaron aos 30.000 e que nesta edición crese que houbo máis, a xulgar pola información manexada pola Policía Local que, entre a unha e ás dúas e media da tarde, tivo que atender un certo colapso circulatorio, en boa medida provocado polos condutores que saían para xantar na súa casa e, se acaso, encetar bola de pan de Ousá e na sobremesa un queixo dos de sempre.
Do recinto feiral sairon onte domingo, entre 14.000 e 15.000 queixos, e entre 4.500 e 5.000 pezas de pan. O incremento dos prezos, nun e noutro caso, parece que non tivo repercusión á hora das vendas. A suba -que no caso dos queixos pódese situar entre 1,80 e 2 euros- vai parella ao incremento experimentado na elaboración do produto, segundo lembrou o rexedor friolés.
Festa de Interese Turístico Galego
José Ángel Santos ve tamén positivo o Decreto de artesanía alimentaria, non só para o queixo e o pan deste municipio, senón para Galicia, xa que pon en valor os produtos do agro e do mar feitos de xeito tradicional.
Tamén argumenta que o queixo de Friol está nunha "fase distinta" á de pensar nunha denominación de orixe protexida propia e que a proxección vai "por outro camiño distinto". Sinala, neste senso, que o feiral estrea o distintivo de Festa de Interese Turístico Galego e que se pensa agora en que poida ter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional.
Pero non todo foi este domingo queixo e pan. Na feira déronse cita tamén outros produtos artesanais e textiles, carnes, embutidos e un longo etcétera de propostas para a casa ou o agro. E ocuparon moitos metros cadrados igualmente as mesas corridas repletas de comensais dispostos a repoñer forzas.