A fábrica fai un queixo fresco -do día-, un queixo cremoso con oito días de maduración e tamén un moito máis elaborado, que ten entre os tres e os seis meses de maduración.
Ofrece calidade e prezos máis que competitivos. En fábrica, por exemplo, un queixo fresco de arredor de 1,1 quilogramo véndese en torno aos cinco euros, un euro menos que o que costa o queixo con oito días de curación.
Co nome de Mazarico Queixos pasaron os impulsores desta pequeña empresa da produción de leite á elaboración de parte do produto, ou dito doutro xeito, de perder diñeiro coa explotación a conseguir unha certa rendabilidade. Viven agora tanto da fabricación de queixos como da venda de leite. O cambio, esta nova experiencia, supón moito traballo, "pero estamos moi contentos", asegura Esther García Gayoso, que xunto co seu marido e a súa filla están á fronte desta marca comercial.
Producir máis, baixo a denominación Arzúa-Ulloa
A queixería está radicada no territorio da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, que non contempla a fabricación de queixo fresco, que si vende moi ben Mazaricos Queixos, sobre todo porque está fabricado con leite cru. Non obstante, no futuro, esperan incluír na DOP algúns dos seus produtos, que poden encaixar na denominación.
Todo será cuestión agora de ir ampliando mercado, incrementar paulatinamente a produción e transformar o máximo posible do leite que produce Mazarico Queixos, con fábrica no número 44 de Sucastro, Güimil, Monterroso, onde está tamén a cabana gandeira, con algo máis de 90 vacas frisonas e pardo alpinas.