Despois de tres convocatorias que non puideron ser, había ganas de festa na Capela (A Coruña). E este domingo acudiron á convocatoria anual de exaltación do requeixo local milleiros de visitantes, en liña con edicións anteriores. Tamén se ofertaron arredor de 10.000 terrinas do produto, para as que se calcula que se precisaron 15.000 litros de leite crú.
Houbo máis expositores de venda, moi pouca representación de queixerías galegas, e un pregoeiro -o axudante técnico sanitario Xosé Ramón Bouza Rodríguez- que se encargou de glosar os tempos da pandemia, de lembrar aos que se foron e de recoñecer o papel que xogaron todos os colectivos, sen excepción, que deron axuda e solucións en tempos de incerteza.
Festa, requeixo e sol na Capela
A Cooperativa Campo Capela -que colabora cada ano co concello coruñés na organización do evento- é a que elabora este requeixo que se vendeu no recinto feiral, xunto con outros queixos de produción propia igualmente afamados, recoñecidos e premiados nacional e internacionalmente.
O presidente da cooperativa, Fernando Rodríguez, avaliou como "moi positiva" a celebración do encontro no seu conxunto, tanto pola asistencia como polas vendas.
A primeiras horas da mañá xa se auguraba un día de moita calor, pero o termómetro non impedíu que os visitantes acudisen tamén pola tarde e pola noite, nunha xornada na que non faltaron as atraccións musicais.