Nesta nova edición da festa de exaltación dos queixos de San Simón da Costa, déronse cita na vilalbesa Praza da Constitución oito das 11 queixerías que forman parte desta denominación de orixe. Durante este fin de semana estímase que se puxeron á venda unhas 2.400 pezas de San Simón, a razón de 300 por queixería, se ben hai que ter en conta que cada produtor aporta outras referencias, entre elas o queixo de Tetilla, o queixo Patelo e as apostas por produtos novos que se van incorporando á oferta.
Pero como no caso do número dos asistentes, o número de pezas vendidas resulta difícil de precisar, xa que xogan factores tan determinantes como o tempo. En función de que chova ou non, o número de queixos vendidos pode chegar a duplicarse. Este domingo, a ameaza de chuvia ao longo da mañá, que se materializou pasadas as dúas da tarde, estímase que poido supoñer un 40 por cento menos de asistentes. Aínda así, contáronse por miles os visitantes, que puideron chegar aos 9.000, segundo estimacións.
Xunto coa Praza da Constitución, onde se levanta anualmente a carpa que acolle as queixerías da denominación, ademais doutros moitos postos de venda en boa media relacionados co mundo agropecuario, hai actividades moi diversas noutras tres prazas da capital da Terra Cha, o que contribúe a incrementar e diversificar asistentes en función dos seus gustos e aficións, aínda que a visita a zona dos queixos é cita obrigada e son moitos os que se achegan á festa coa idea de comprar queixo.
Visitantes de toda Galicia
Nos seus inicios, a festa de exaltación dos queixos de San Simón da Costa tivo un carácter máis local, pero andando o tempo, como sucedeu co capón de Vilalba, hai quen ven ex profeso para adquirir o produto. Moitos deses visitantes proceden de zonas como A Coruña, Ferrol, a costa ou Santiago.
As queixerías de San Simón da Costa certificaron o pasado ano unha produción de 489.342 pezas, das que 339.212 eran as tradicionais e 150.130, máis pequeñas, coñecidas como bufóns, segundo Ángel Ramil. A cifra de negocio situouse en arredor dos 3,6 millóns de euros.