O queixo volverá a ser un ano máis o eixo central dunha feira que busca promocionar a transformación leiteira no concello, baseada na calidade e na diferenciación dos seus produtos, e que ten no queixo, precisamente, o principal dos reclamos. Pero nesta xornada dominical haberá outras moitas propostas que volverán a atraer a milleiros de visitantes.
Así, celebraranse catas comentadas, ofrecerase música, un espectáculo de maxia ou obradoiros para os máis pequenos. Tamén se entregarán os premios do concurso de receitas, cuxo prazo para concursar péchase o 16 de marzo.
A feira porase en marcha ás dez da mañá, na nave do mercado, coa apertura de postos, entre os que se poderán atopar algús dos mellores complementos do queixo, como o pan ou a empanada, e tamén doces, mel e conservas.
Entre as marcas galegas, os asistentes poderán degustar e mercar queixos como os de Cortes de Muar (Silleda/Pontevedra) ou os de Touza Vella (Castro Caldelas/Ourense), ámbolos-dous premiados nos World Cheese Awards, considerado o certame máis prestixioso do mundo en materia de queixos.
Catas e Tren do Queixo
Haberá catas de queixos, que acollerán un máximo de 60 participantes -20 por sesión- con grupos que se irán completando por orde de inscripción. O prezo de asistencia a cada unha destas catas será de tres euros por persoa.
Como nas dúas edicións anteriores, non faltará o Tren do Queixo. Trátase dun servizo que busca facilitar os traslados a Moeche desde Ferrol e, ao mesmo tempo reividicar o valor do ferrocarril como medio de transporte e un servizo imprescindible para a comarca.