Pero, dende logo, non faltou xente. Foron moitos os asistentes ao feiral, que encheron o multiusos circular, especialmente en momentos como o do pregón, a cargo este ano dun televisivo 'larpeiro', Adrián Díaz, dobremente benquerido, porque á súa particular retranca e facundia diante das cámaras da Televisión de Galicia, uníase neste caso a súa condición de nativo da zona. E de todo isto falou, e das súas andainas por Monterroso de hai ben poucos anos. Diso, e das bondades do queixo da Ulloa, ao que lle adicou o un dos mellores adxectivos despois de bo: natural.
Hai que lembrar que o queixo Arzúa-Ulloa, acollido á Denominación de Orixe do mesmo nome, é segunda marca en vendas de queixo de España, un aspecto fundamental no que fixo fincapé unha das invitadas no acto central do feiral, a conselleira do Medio Rural. Ángeles Vázquez, que falou dun queixo "inconfundible", e da importancia de apostar polo sector lácteo. Defendeu a transformación e a internacionalización dos produtos do agro. Todo iso, apostando pola creación do emprego e o asentamento no rural, pola calidade e polos produtos da casa "que son os mellores", dixo.
O alcalde de Monterroso, José Ángel Santos, nunha mensaxe igualmente proxectora, animou a todos os actores sociais e económicos defendan que a difusión do queixo, non sexa algo dun día "senón de todo o ano". Lanzada a mensaxe, convidou aos alcaldes de concellos limítrofes que acudiron ao feiral a promover iniciativas básicas como as catas comentadas nos colexios.
E neste labor, houbo para a ocasión exemplos moi importantes, como a boa cociña con queixo da Ulloa argumento de María Varela, do coñecido Restaurante de A Para da Bestas, cociña de autor que se atopa no municipio limítrofe monterrosino de Palas de Rei. Outra mosta interesante foi a de Paloma, subcampioa de MesterCher Junior 4.
Petiscos, ricos petiscos de queixo
Na liña dese lento camiñar para interesar a máis consumidores e mercados novos nas bondades dos queixos, están as catas didácticas do queixo Arzúa-Ullloa. O concurso de pinchos, tapas e petiscos impartiuno o secretario-xerente do Consello Regulador da DOP, Óscar Pérez Ramil, quen destacou que este año foron 18 establementos de Monterroso os que participaron, cunha cata que se desenvolveu entre as cinco e media e nas nove da noite do sábado día 29, con membros na cata como profesores dos ciclos de hostalería de Vigo e da Coruña ou un representante da Consellería de Cultura.
O gañador foi o restaurante Caracacho, coa tapa denominada 'Pementos recheos de bacallao e crema de queixo Arzúa-Ulloa, con gratén de Arzúa-Ulloa curado', que cualificaron os xuíces de 'espectacular'. O segundo posto foi para o pincho 'albóndiga rechea de queixo', do Bar A Taberna. A terceira posición foi para 'A brocheta de queixo Arzúa-Ulloa con fresas', do Bar Saaveda.
Coidado!
E ente tantos parabéns, en días de festa como o deste fin de mes en Monterroso, lanzan responsables sanitarios e denominacións unha diáfana mensaxe, non se poden por á venda queixos ou calquera outro producto para consumo humano que non conten con todas as medidas legais, pero segue sen ser así. É, por razóns obvias, algo moi grave, tan grave que pode converterse nunha cuestión de saúde pública, e con isto non pode xogar ninguén. As leis así o advirten.