Complementan a oferta os elaborados noutros puntos de España, como Quesos Crego (Palencia) ou o de ovella Idiazábal (País Vasco e Navarra). Así que os amantes dos queixos galegos poden facer acopio neste feiral dos que elaboran A Cooperativa de Productos Campo Capela, Daniberto, Cooperativa Caprina, Cooperativa Hoxe, Doña Cobina, O Casal, Queinaga, Barral, Don Crisanto, Brigantia, Castelo ou a Cooperativa Agraria Condado Paradanta, que ofrece o seu tradicional requeixo. Non falta tampouco a liña de produtos lácteos de Larsa, que inclúe, xunto con iogures e leite, os seus queixos.
Recital de degustacións
Todos estes días, haberá diversas degustacións de queixos, fundamentalmente na caseta de Economía Social de Galicia. Alí acudirán ao longo de cada xornada, produtores como a Sociedade Cooperativa Galega Cobideza (Dona Cobina), cos seus queixos e o seu requeixo; a Cooperativa Galega Condado Paradanta, co requeixo e o mel da comarca; ou a Sociedade Cooperativa Galega Productores do Campo Capela.
O domingo, xornada na que se espera a maior afluencia de visitantes, terá lugar, por exemplo, a cata de queixo organizada por Hoxe, Sociedade Cooperativa Galega, con sede en Lalín (entre as 12,00 e as 13 horas). Ás 12,30 está programada tamén unha degustación de produtos na caseta de Economía Social de Galicia, con propostas como a de Cobideza (queixos e requeixo) e a da Cooperativa Condado Paradanta (queixo e mel).
Ao longo da xornada dominical haberá outras oportunidades de degustar e mercar queixos, como a programada para as 18,30 horas, que consistirá na cata-maridaxe de queixos Hoxe coa sidra ecolóxica da Estrada (Sidra Camiño, Sidra Peroja e Sidra Rivela). A experiencia, que promete, pode levarse á casa.