Despois do inicio en Arzúa da campaña de promoción dos queixos galegos para 2022, toca agora o tempo da exaltación do produto na 28 Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá. Será o vindeiro día 20 e acudirán á cita preto de 90 queixeiras, que porán á venda unhas 14.000 pezas, que estarán flanquedas por outras 4.000 de pan. Como de costume, cabe esperar que se vendan as existencias.
Tras a obrigada parada da feira os últimos anos no concello lucense, por mor da pandemia, a actividade volverase concentrar o próximo domingo arredor da carpa situada na praza Antón Cebreiro. No seu interior estarán as queixerías do municipio. Fóra, haberá tamén unha ampla mostra do queixo que se fai nos concellos da contorna. Na carpa, aló pola unha da tarde, ofrecerase un viño e a degustación gratuita do queixo de Friol e do pan de Ousá.
Arredor da carpa instalaranse outros postos de venda de produtos agroalimentarios do municipio. Serán este ano, postos independentes, sen contacto cos espositores máis próximos, para reforzar as medidas sanitarias de seguridade.
E nas inmediacións, xa na praza Rosalía de Catro, estarán os vendedores de produtos de diferentes sectores, como os do textil ou o artesano, sen olvidar espirituosos como viños, sidras ou licores.
Gran dinamizador da activide económica local
A Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, tal e como sinala o alcalde friolense, José Ángel Santos, é "o maior polo de atracción de visitantes" co que conta o municipio, así como un referente clave co que presentarse cara a comunidade autónoma.
Programa e medidas de control contra a covid
Para reforzar sanitariamente o programa de actividades previsto para a xornada dominical, o Concello tomará medidas co obxecto de evitar problemas coa covid. Así, o rexedor municipal sinalou que se reordenarán os espazos interiores para cumprir coa normativa vixente. Reforzaranse "os protocolos de sanidade, seguridade, limpeza e desinfección", para maior tranqulidade de expositores e visitantes.
A apertura da feira está prevista para as once da mañá. Haberá diversos actos e propostas ao longo da xornada, á que porá punto e final a actuación da Orquestra Los Satélites, ás dez e media da noite.