Aínda que co ceo nubrado e unha certa ameaza de chuvia, a asistencia de visitantes foi masiva un ano máis, con miles de persoas repartidas polo amplo abano de postos de venta e cun especial interés por probar e adquirir os queixos da zona e tamén outros moitos procedentes de distintos puntos de Galicia. Non faltou tampouco unha gran variedade de produtos elaborados de forma artesanal ou baixo as súas respectivas denominacións de orixe. Entre eles os derivados do porco, o viño, o mel ou o pan.
A idea é que a denominación siga a medrar, xa que hai bastantes queixerías que están dispostas a entrar no consello regulador, segundo o alcalde de Pedratifa, José Luis Raposo, para quen este é o camiño a seguir para consolidarse. Asegura o rexedor municipal que o queixo do Cebreiro "é un produto que che quitan das mans", e isto esta a terse cada vez máis en conta. Aínda que hai moito gando de carne, o Consello Regulador para a recollida da materia prima para facer o produto, abarca zonas de leite que chegan ata Triacastela ou Castroverde e a aparición ou incorporación de novos produtores é posible.
A rendibilidade de transformar o leite
Debido ás dificultades polas que está pasando o sector do leite, entende o alcalde que se debe ir cara a súa transformación e que cada vez se venda menos como un produto sen mais, porque o problema é grave. "Entón, a transformación en queixo ofrece unha rendibilidade importante que é necesario ter cada vez máis en conta", afirma.
Unha vez que se conta xa co recoñecemento do encontro como Festa de Interese Turístico, o Concello de Pedrafita traballa na posibilidade de colaborar co Grupo Nove nunha proposta de degustación de produtos que se poidan elaborar con este queixo en feiras e festas turísticas. A idea é que todo poida estar disposto xa en 2017.
Considera José Luis Raposo que o queixo do Cebreiro ten moito percorrido en materia gastronómica e bota man dunha anécdota protagonizada por unha muller hai trinta anos, cando comezou esta feira. Sinalaba por entón esa persoa que lle viña o lugués Mesón de Alberto a comprar o queixo do Cebreiro para facelo fundido con diversos manxares. A visita tiña lugar, especialmente, coa chegada da Semana Santa. Logo, laiábase a produtora de queixo que non tiña moitas máis posibilidades de colocar o produto.
Recorda o rexedor municipal que se propuxo, en caso de chegar á alcadía, que con el viría tamén a feira do queixo, "e así foi", sinala.
Unha produción de 35.000 quilogramos
Segundo o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo do Cebreiro, Enrique Fernández, actualmente a produción está en torno aos 35.000 quilogramos anuais de produto, cunha facturación de aproximadamente 220.000 euros. Tampouco oculta Enrique Fernández que as expectativas de produción de cara a un futuro inmediato son optimistas, coa previsible incorporación de novas queixerías.