Co centro de produción na parroquia celanovesa de Acevedo do Río, 'Feijoo' compra o leite co que fabrica os seus produtos, e iso xa desde os anos 80, nos que xa contaba cun camión para recoller todo o leite da zona. Desde aquela, andando o tempo, e co o declive do campo na provincia de Ourense e, en particular da gandería, houbo que comprar o leite fóra, tanto o de vaca como o de ovella e o de cabra.
Trátase dunha empresa familar, con catro traballadores, entre eles Manuela Feijoo Hierro, a actual xerente, e o seu fillo Julio Alonso Feijoo, enxeñeiro técnico agrícola, cuxa función é a de exercer como técnico de calidade.
A queixería elabora máis dunha ducia de referencias, entre as que están, ademais dun 'Tetilla', un queixo madurado tenro (o tradicional 'queixo do país'), un semicurado de vaca, un semicurado mezcla de vaca (30%) e cabra (30%), un semicurado ibérico, un 'glacé' (con castañas confitadas e queixo de cabra feito crema como base) ou un requeixo. Unha das últimas incorporacións é un semicurado de cabra, co que gañou a finais de 2017 unha medalla de prata no World Cheesse Awards. Nese tempo empezou a fabricar tamén o semicurado Ibérico, que accedeu a outro galardón na feira mundial do queixo, neste caso na categoría de bronce, en 2019.
Alardea Julio Alonso Feijoo que na súa fábrica fanse queixos casteláns ou españois pero "co punto ou coa arte" galegas, con métodos e artes transmitidos polos devanceiros, pero utilizando uns tipos de leite que en Galicia non eran tan comúns, como o de cabra e o de ovella.
Mercado
Estes queixos véndense en boa medida na provincia de Ourense. Teñen un distribuidor en Nadela (Lugo) e pódense adquirir tamén na páxina web da marca comercial coa rapidez que esta nova modalide ofrece. O resto vai para á hostalería e para as pequenas tendas de barrio. O 'porta a porta' é a opción na que se apoia este fabricante - nesta fórmula descansa o 70% das vendas-, aínda que a idea é ir deixando pouco a pouco a modalidade.
A curto-medio prazo, é intención da empresa aumentar a produción, algo que se confía en que poida vir da man da exportación, cunha especial atención ao mercado americano,"o noso principal obxectivo", apunta Julio Alonso.
Receita monacal
Non lle falta lenda a este queixo, do que lembra que se na zona do 'Arzúa-Ulloa' foron os monxes os que transmitiron a forma de elaborar o derivado lácteo á poboación, en terras celanovesas -co mosteiro de San Salvador presidindo a comarca- cabe pensar que tamén aquí os coñecementos e o bo facer dos frades foi parar ás xentes que habitaban estas terras.
Requeixo
A empresa empezou a experimentar coa fabricación do requeixo nos anos 2012- 2013. Un ou dos anos antes, sinala Julio Alonso, que foi cando empezou a repuntar o requeixo das Neves e apareceron outros" tan bos" como o do Casar. E como nas feiras algúns postos tiñan requeixo á venda, a fábrica celanovesa empezou a interesarse pola súa comercialización, como reclamo para poder vender outros produtos como o 'Tetilla' ou o 'queixo do país'. Este produto está xa asentado desde 2015 e na actualidade dedícanse uns 10.000 litros de leite anualmente á súa fabricación.
'Tetilla' amparado por Galicia Calidade
Desde marzo de 2016, Quesos Feijoo ten amparado o seu 'Tetilla' baixo o paraugas de Galicia Calidade, marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e/ou servizos que, pola súa elaboración na comunidade autónoma, pola súa materia prima ou deseño galegos, merecen esta distinción, unha vez contrastada mediante os controis establecidos.
É un recoñecemento que a esta empresa lle aporta aspectos tan interesantes como poder contar con clientes en Madrid, Barcelona ou Alicante. O feito de ter este selo oficial da Xunta de Galicia sinala Javier que lle da un "plus" ao seu 'Tetilla' e que aos consumidores "gústalle velo".