Alguén dixo este domingo - porque o dixo - que non lle gustaba especialmente o Queixo San Simón da Costa por esa inmersión no fume, nun fume que lle dá ese valor indiscutible dun queixo camiño do universal. Iso, cando os que o paladean, argumentan que non debe haber ninguén ao que non lle guste. Hoxe pechouse no municipio lucense de Vilalba, a XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa.
Despois da parada da pandemia, hoxe houbo a asistencia de sempre; as vendas non quedaron atrás e o tempo terciou caprichoso de claros a obscuros, ameazando o tempo da hora do xantar e da tarde. Cousas de pouca importancia unhas gotas de choiva para aplacar esa danza dun deambular por casetas cheas de produtos e afáns culinarios e gastronómicos. Tempo tamén para o lecer e para disfrutar desas pequenas e grandes propostas que van dos asuntos a ao peto e do peto á mesa.
Este domingo, en plena exaltación do queixo de San Simón da Costa, a valoración é "altamente positiva", porque se volve "a vida normal", porque as "vendas van indo bastente ben, mesmo mellor do que se espera", e porque volve a "a alegría de comprar, a alegría de saír".
Esa é a percepción do secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) do Queixo San Simón da Costa, Ángel Ramil, que destaca que os que acudiron tanto o sábado como o domingo son xente de moi distintos puntos de Galicia. Houbo un público diferente, que xunto co incondicional da zona, acudiu con ganas de mercar.