Houbo este ano modificacións significativas na distribución dos postos de exposición de produtos, o que axudou a evitar aglomeracións na carpa da Praza da Constitución, algo que recoñeceron os vendedores.
O pasado ano, a Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa certificou 503.800 quilogramos de produto, cun crecemento do 4,72 por cento en relación co ano 2017. Do total, arredor de 41.000 quilogramos foron para a exportación, o que supón máis dun 9 por cento do total recoñecido pola DOP. As expectativas en materia de comercio exterior -en opinión do secretario da DOP San Simón da Costa, Ángel Ramil- son moi boas, pero hai que ter en conta que o tema das exportacións leva "moitísimo tempo e moitísimos recursos" e "hai que darlle catro ou cinco anos".
Descubrindo sabores na cociña
Para esta ocasión, houbo tamén cociñeiros no recinto feiral, que prepararon, informaron e agasallaron aos asistentes coas súas evolucións culinarias, todas con base ou apoiándose no queixo San Simón da Costa.
Interviron inicialmente os chefs Jacobo Sandeiro e Adrián Salgado, que ofrecen con éxito pratos froito dunha fusión de diversos países no Mercado Municipal de Lugo (O Mercado Streetfood), e que traballan xa na apertura dun novo local, cun concepto totalmente distinto -baseado no que se podería encasillar na 'cociña de aldea'- en Neira de Rei (Baralla). Estará en marcha nunhas semanas.
Hoxe, en Vilalba, ofrecéronlle ao público un entrante (un trinchat, puré de patacas rebozado e preparado como unha croqueta que leva unha salsa coreana de col fermentada); o segundo prato foi unha pescada cociñada a baixa temperatura cunha crema de puré de coliflor e queixo San Simón.
Pechou quenda na cociña o chef asturiano Marcos Morán, con praza culinaria en Casa Gerardo (Xixón, Asturias). O restaurante é posuidor dunha estrela Michelín desde 1991, e preparou para a ocasión un bocadiño 'crujiente' de queixo San Simón, un prato de castañas a base de San Simón e caviar e unha sopa de San Simón con diferentes contrastes. Casa Gerardo abriu un restaurante en Londres hai cinco anos e outro hai tres en Bruxelas. A casa matriz ten 135 anos.