Un dos obxectivos, segundo a promotora dos cursos, é "achegar a industria e o sector agroalimetario a uns produtos excepcionais" como son os queixos galegos con DOP (San Simón da Costa, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e Tetilla). Nas catro denominacións é experta Salomé Beiroa, que conta cunha longa traxectoria no Panel de Cata da Xunta de Galicia desde hai 15 anos. Este grupo de expertos é o encargado de decidir en cada convocatoria anual sobre os mellores queixos do momento.
Outro aspecto clave da formación é a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade. Nas sesións formativas afóndase en cuestións como a degustación do produto, saber apreciar as súas características ou como dar valor aos parámetros que garanten a súa calidade.
A proposta non só se dirixe a quen se dedica directamente á fabricación de queixos, senón tamén os produtores lácteos, comercializadores e outros. “Malia que o leite chega ás queixerías desde o sector primario, os queixos galegos aínda precisan ser moito máis coñecidos entre as persoas que todos os días abastecen deles á industria”, afirma Beiroa.
Inscricións gratuítas
Os interesados en participar nalgunha das sesións programadas poderanse inscribir sen custo ningún, enviando un correo electrónico a [email protected] e indicando a localidade na que desexan participar.
O calendario completo -con parte do programa xa desenvolvido- é o seguinte: Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) os días 31 de agosto e 2 de setembro así como o 21 e 23 de setembro. A seguinte cita para a formación é en Lalín, os días 7 e 9 de setembro e o 5 e 7 de outubro. A seguinte parada para afondar na análise sensorial dos queixos galegos é O Cebreiro os días 14 e 16 de setembro, para recalar en Vilalba o 28 e 30 do mesmo mes.
Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, acollerá os días 13 e 14 e 19 e 21 de outubro as ditas xornadas, para chegar a Palas de Rei os días 26 e 28 de outubro, finalizando en Melide os días 9 e 11 de novembro.