Non se establecera daquela a denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa, e estaba máis alonxada aínda a posibilidade de producir baixo a denominación Queixo Tetilla. Desde que foi posible xa, ata hoxe, a base da fabricación céntrase no 'Arzúa-Ulloa' e no 'Tetilla', que venden tanto en cadeas de alimentación como a través dos distribuidores.
Boa parte do mercado teno esta fábrica en Galicia, con algunhas vendas en Madrid ou Barcelona, especialmente o 'Tetilla', que é o queixo da Comunidade Autónoma que ten un maior volume de venda no exterior.
Esta empresa familar dálle emprego a seis persoas e utiliza case millón e medio de litros de leite anualmente para facer queixos. Dos 50 quilogramos que fabricaba en 1990, aporta hoxe ao mercado -co paréntese da covid 19- máis de 1.000 quilogramos diarios de produto. Desde hai dous anos, unha explotación do municipio de Arzúa véndelle leite de cabra co que fan queixos en función da demanda.
Non oculta Salvador Carreira, responsable desta sociedade limitada, que o que máis se pide na zona é o Arzúa-Ulloa, polo que introducir o queixo de cabra é un proceso lento, aínda que se trata dun reto asumido ao que que non vai renunciar. Recoñece que neste último caso, o proceso de produción é mais caro e que hai una forte competencia, con queixos que veñen de Castela e que levan xa moitos anos xa implantados.
Aínda que non ten produtos novos en mente, 'Terra de Melide' produce tamén queixo en barra e elabora o 'Arzúa-Ulloa' curado, un produto este último que a queixería fabrica desde hai tempo, que ten a súa demanda e que está á venda todo o ano. É un queixo cun período de curación de seis meses como mínimo e o seu prezo sitúase en arredor de dous euros máis que un Arzúa-Ulloa normal. E iso, por que hai que ter en conta que o peso vai mermando co tempo. Precisamente, porque merma moito, véndese por pezas e non por peso.
Aventuras non, novos mercados si
Nos tempos que corren, Salvador Carreira aposta por seguir reforzando os produtos cos que conta, sen aventurarse a sacar outros novos. "Prefiro seguir co que xa está porque agora, ás veces, apóstase por cousas novas que empezan e desaparecen", di. En canto ao mercado, refire que se se pode, sempre se amplía.
'Terra de Melide' espera abrir na fábrica tenda propia para a venda dos seus produtos. A previsión era hai uns meses para este mesmo ano, pero pode que haxa que esperar algún tempo máis, por mor da pandemia.