Como cada ano, os visitantes tiveron a oportunidade de contrastar calidades e prezos entre os 90 postos de venda de queixo que se congregaron na carpa do recinto feiral, cunhas 9.000 pezas a venda, mentres que as cinco panadarías da parroquia de Ousá que concorreron ofertaron 3.000 pezas de pan.
Friol ten unha longa tradición xa na fabricación de queixos e hai tamén unha gran paixón polo produto. De feito, todos os restaurantes da zona teñen no menú sempre un queixo de Friol, segundo recalca o alcalde deste municipio, José Ángel Santos Sánchez, quen ten en mente darlle un impulso ao producto na procura dunha maior proxección na cociña e das súas posibilidades gastronómicas.
O 90 por cento do queixo que se puso este domingo a venda en Friol, que estaba na carpa do recinto feiral, prodúcese no municipio. O restante, estivo á venda nos postos de fóra, instalados na parque Rosalía de Castro.
E con motivo da celebración o próximo ano do primeiro cuarto de século da feira do queixo municipal, sen desvelar polo momento ideas e proxectos, non oculta o rexedor friolés que se van preparar para a ocasión sorpresas e atractivos novos.
O concello, organiza e patrocina
O concello de Friol é o organizador e o patrocinador do feiral, polo que ademais dun traballo continuado ao longo do ano para preparar o encontro, debe aportar a correspondente asignación económica, que para esta ocasión se sitúa, aproximadamente, entre os 40.000 e os 50.000 euros.
En palabras do alcalde, "o esforzo vale a pena", posto que a feira constitúe o mellor escaparate dun municipio rural que ten no sector primario o seu principal soporte económico.
Nesta xornada dominical, ademais de pasarrúas, charangas, concerto folk e a actuación como cada ano dunha orquesta de renome, ofrecéuse no Centro Multiusos, no polígono industrial, unha mostra de horta, flor, frutal e forestal.