Todos os queixos fabricados baixo esta denominación de orixe, co selo sempre da calidade, teñen as súas propias peculiaridades. A elaboración de cada un marca gustos ben diferenciados entre os consumidores. Así que cada marca ten compradores incondicionais, dependendo de gustos e padales.
Para os entusiastas da Queixería Valado, boa parte do segredo está en que se trata dun produto de sabor cremoso, suave e delicioso ao padal. É queixo afinado con madeira de bidueiro, cunha curación de 45 días como mínimo.
Esta fábrica vilalbesa púxose en marcha no ano 1992 e pouco despois pasou a formar parte da Denominación de Orixe San Simón da Costa. Como noutros casos, comezaron moito antes, cunha pequena produción, co leite das vacas que había na casa. Seguindo a produción tradicional e o ronsel familiar, a queixería está, desde 2005 en mans de Félix Freire Cuba e da súa dona.
A produción non pasaba nos inicios dos 40 ou 50 queixos por semana. E aínda hoxe segue a ser unha miniqueixería, cunha fabricación semanal de 200 a 300 pezas. Son en total entre 800 e 900 quilogramos de queixo ao mes, o que leva a unha produción anual que oscila entre os 12.000 e os 15.000 quilogramos.
O queixo San Simón da Costa reforza cada ano a súa presencia no mercado exterior, pero para un pequeno produtor como 'Valado' son diversas as dificultades que se lle presentan para vender noutros países, fundamentalmente papeleos e requisitos de alto custo, así como contar cunhas instalacións artesanais.
Esta fábrica compra na actualidade o leite para a fabricación dos seus produtos e aínda que non rexeitan incrementar a produción algo máis, non ocultan a dificultade que iso supón, pagando autónomos, comprando unha nova cuba, producindo e e vendendo o queixo á beira de fabricantes máis grandes… "Énos imposible todo", sinala Félix Freire.
'Valado' está no grupo exportador do queixo vilalbés de San Simón da Costa, pero o principal problema é que se lle pide ás empresas grandes o certificado para vender fóra, "que nós non temos", e que "é difícil de obter" e que ten tamén "un coste elevado", manifesta.
Un produto gourmet que precisa axudas á comercialización, non "subvencións"
Esta queixería vende o San Simón en pequenas tendas. O seu propietario entende que se trata dun produto exquisito, gourmet, que non debe estar nas grandes áreas comerciais. De feito, vende en pequenos establecementos. Non chega á media ducia o número de distribuidores cos que traballa e as vendas fanse todas en Galicia. Está tamén no comercio digital, nunha tenda colectiva, coa que 'Valado' colabora "puntualmente".
Tampouco oculta Félix Freire que aínda que se podería facer fronte a un incremento da produción, o realmente complicado e sacar o producto ao mercado, porque cada vez hai que pagar máis, sobre todo pola vía impositiva, con custos cada vez máis elevados e ingresos cada vez menores. Por iso pide "que nos axuden", pero advirte que "eu non quero subvencións", senón axudas para comercializar o produto, coa a información más acaída e que permita achegar ao consumidor un queixo, que como o resto dos de denominación, vende alí onde estea. A calidade vai por diante.