Javier Piñeiro López, presidente da Asociación de Queixeiros San Simón da Costa:
"Fóra de España competimos en prezo con todos"
Teñen claro na Asociación de Queixos San Simón da Costa (onde están oito das 11 queixerías da Denominación de Orixe Protexida do mesmo nome) que as vendas no comercio exterior suponen un excelente reclamo para o produto. Están, nos mercados estadounidense e xaponés, os mellores referentes, pero pensan que hai que estar alí onde se demostre que a demanda funciona. As ampliacións que fixeron as queixerías da Terra Chá nos últimos anos van nesta liña e anuncian, ademais, posibilidades para a diversificación do produto. En calidade, a denominación vai camiño de andar sobrada e, a xulgar polo que di o presidente da asociación, Javier Piñeiro López, vender fóra é máis doado que facelo en Galicia. Os produtos con denominación de orixe protexida están a aguantar mellor a crise, afirma Javier Piñeiro, que non dubida tamén en sinalar que que o crecemento é lento.
Pregunta.- Como está a transcorrer a feira e como foron as cousas anos atrás?
Resposta.- Cando empezamos coa feira, estaba máis orientada á venda. A prioridade dábaselle nun cen por cen á venda. Nestes últimos anos, está collendo moita importancia para nós a promoción. Intentar dar a coñecer e promocionar o produto é o principal obxectivo, sen deixar de lado, claro, as vendas, que tamén é importante.
P.- Cales son últimos os datos oficiais das vendas?
R.- No 2013, rondáronse en vendas as 400.000 pezas en total das 11 queixerías que están no Consello Regulador.
P.- O que traducido en valor económico supón...?
R.- Pois sería o resultado de multiplar a cifra, por sete, oito, euros que pode sair a peza, nove...
P.- Estase agora na proxección exterior; qué mercados están abertos?
R.- Nós traballamos xa para países de fóra hai xa polo menos quince anos. O que pasa é que ,ao comprobar que as queixerías funcionaban ben individualmente neses mercados, a idea foi facer unha empresa que servira de plataforma para vender fóra e ser un pouco máis forte e máis rápido en atender ao cliente e chegar a mercados que non podiamos chegar.
P.- De que países está a falar?
R.- Nós, particularmente, vendemos moito para Estados Unidos e Xapón. Pero, agora, neste último ano, en que empezou a funcionar a empresa, xa temos pechados acordos e contratos con empresas de México, francesas, inglesas, xaponesas tamén.
P.- Cal é a cota de mercado exterior e de que obxectivos a curto medio plazo se podería falar?
R.- Nós, individualmente, e falo da miña queixería (Fontenlas), que é o dato que teño, é dun 20 por cento da producción total, que se vende fóra de España.
P.- É o tope?
R.- Non, pode que haxa outras queixerías que incluso estean por enriba de nós.
P.- E cales son no mercado español os principais puntos de venda?
R.- Podemos falar dun sesenta ou setenta por cento en Galicia. E no resto en España, en capitais como Madrid, Bacelona, Bilbao, é donde se está a vender.
P.- Que buscan os de fóra neste queixo, cal é o seu valor engadido?
R.- Eu creo que o segredo do San Simón é que é un queixo con sabor e que ao mesmo tempo non é excesivamente forte. É dicir, que lle gusta a todo o mundo e que é un queixo con sabor. E quizais, dentro dos galegos, é o que ten un sabor máis marcado. E despois está a peculiaridade da forma e do afumado, que inflúe moito tamén.
P.- Como queda este queixo en materia de prezos con outros que se poden considerar similares?
R- Nós fixemos o ano pasado algún pequeño estudo por Internet e outros medios dos prezos que había dos queixos similares aos nosos. Falo dos queixos de vaca, afumados, cunha produción similar e, fóra España, competiamos en prezos con todos.
P. E nesa franxa de calidade, con quen nos podemos estar a relacionar?
R.- Podemos estar a relacionarnos con todo o mundo. Hai que ter en conta que desde 2001, teño entendido, os concursos que hai en catas a nivel nacional están a gañalos todos queixeiras de San Simón. Falo dos premios do ministerio, dos Cincho, das catas incluso do Bol Cheese, que se están a gañar incluso a nivel do consello regulador a e a nivel particular, tamén hai algunha queixería que ten algún premio. Eu creo que no que se refire á calidade competimos con todo o mundo.
P.- E na diversificación, nos novos produtos, hai ideas novas?
R.-Nestes dous últimos anos houbo unhas grandes ampliacións en seis ou sete queixearías; entón, unha das alternativas que che queda é diversificar un pouco o producto e intentar chegar a outros mercados e intentar aportar máis referencias. Esa foi quizais a idea, pero foi básicamente porque moitas quexerías fixeron ampliacións importantes.
P.- É moi importante que o produto, que se come rápido, sexa de fácil conservación...
R.- Consérvase fácilmente. Precisamente, para a exportación, ten a condición de que se conserva sen problemas, e ten un consumo longo. É un queixo con pouquiña humidade, que non vai sacar moho. Non, non ten nese sentido ningún problema.
P.- Na asociación que preside están oito queixerías, pero hai mais...
R.- A asociación comezou hai catorce anos, e daquela estas últimas quexerías que se uniron á Denominación de Orixe non estaban inscritas no Consello Regulador e, entón, agora que chegaron e se inscribiron, pois hai a posibilidade de se elas queren, que entren.
P.- Cal sería esa cota ideal para estar no mercado exterior. Se fose dun 30 por cento ou 40 por cento, obrigaría á denominación a incrementar á produción?
R.- Se das 400.00 pezas de cota que vendemos, a ampliamos e un 30 por cento vai fora de España sería realmente bo. Porque a exportación vai lenta.
P.- Nesta proxección exterior, que papel ten a aposta da calidade?
R.- A aposta da calidade sempre foi unha prioridade para nós. A ver, unha queirería pequena que non teña moitos medios para facer campañas, estudos de mercado, etcétera, ten que defenderse a base de calidade. Tes que entrar porque tes un producto bon, e porque tes un produto que vai comprar a xente e vai repetir. Senón, non se vai poder vender.
"Quizais onde máis prezos hai de competencia é en Galicia"
P.- Para vender, hai que negociar moito, axustar moito os prezos...?
R.- Fóra, hoxe, vénsede máis fácil, no que a prezos se refire e é máis competivivo que o de aquí . Quizá onde hai máis pesos de competencia é en Galicia.
P.- A peza de queixo costa doce euros, e o bufón seis, sete euros, pero hai queixos máis curados...
R.- Hai quexerías, e nós témolos, con queixos de máis ou menos seis meses, e vedémolos sobre quince euros.
P.- E de que produto estamos a falar neste último caso?
R.- É un queixo de vaca curado. Vai collendo un picor típico dese tempo, pero tampouco é exteriormente forte.
P.- Cre que as denominacións galegas de orixe están a despegar e que están a aguantar a crise?
R.- Creo que están a aguantar todas bastante ben. Creo que teñen máis problemas os produtos que non teñen denominación de orixe. Os produtos caros, ao mellor, non teñen tanto problema, os produtos que se venden a un nivel un pouco máis caro que o resto, non teñen tanto problema, porque van orientados, quizais, a xente que ten un nivel adquisitivo máis alto, a que pode que nestes momentos teña menos problemas para podelo comprar. Nos últimos anos, houbo unha ralentización á hora de medrar. Medramos menos ou máis lentamente, pero non se pode falar de crise, non noso caso, polo menos.
P.- Que destacar no proceso de proxección do San Simón da Costa...
R.- Nada, o tema da nosa historia é que empezamos con nada; que eran catro gandeiros que empezaron nunha cubiña pequeña a facer queixo e que seguramente a eses que empezaron, -porque agora seguramente xa están nas segundas xeracións traballando na queixería- se lle contan iso, de que iamos chegar a Estados Unidos ou mandar queixos para Xapón ou facelos para este tipo de mercados, non o ían crer, entón, esa evolución foi bestial...