Queixo: 'tenro', da Cooperativa de
Produtores Campo Capela
Procedencia: Os Calzados s/n
A Capela (A Coruña)
Tipo de leite: crú de vaca.
Peso: 0,500 gramos, 700 gramos,
1 quilogramo e 3 quilogramos,
aproximadamente
Suxestións de consumo e conservación: Trátase dun queixo moi cremoso, que se pode consumir para untar -algo que buscan moitos amantes desta clase de produtos-, con esa característica xa destacada de que é un sabor moi distinto dos que se fan con leite pasteurizado.
Destaca o fabricante deste queixo do país que é un bo acompañante de marmelos e marmeladas, que se pode utilizar na elaboración de purés, cremas, salsas ou calquera outro tipo de acompañamento. Engádese que resulta de especial utilidade para a elaboración de gratinados. Non son poucas as propostas, pero as posibilidades e a experimentación hoxendía na gastronomía e nos fogóns teñen só na creatividade os límites.
É, xa que logo, un queixo dun sabor moi contrastado, que polas súas características, precisa estar -unha vez encetado- nun lugar fresco ou refrixerado. No caso de optar pola solución máis acaída hoxe, a do frigorífico, procede envolvelo nun pano lixeiramente humedecido, o que contribuirá a que non se reseque e manteña as súas características. E, para o consumo, acertarase sempre se se saca da neveira varias horas antes, co que se porá na mesa un produto pleno de sabor. Para os amantes dos viños -brancos ou tintos- terá nos xoves unha boa proposta para acompañar.