Procedencia: San Andrés de Barredo, 17; Castroverde (Lugo)
DOP: Cebreiro
Fabricante: Queixería Santo André
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Tamaños dispoñibles: pezas de 2 quilogramos
Tipo de queixo // Descrición: Queixo curado, de pasta branca, branda e granulosa, que mantén o método totamente artesanal de antano que esixe a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Cebreiro. Non ten conservantes nen aditivos. O seu aspecto é tamén o característico de todos os queixos que se fabrican baixo esta denominación, ao semellar un fungo ou sombreiro de cociñeiro, aínda que hai que aclarar que este é o único fabricante dos catro acollidos actualmente na denominación que elabora queixo curado.
Mentres que o queixo fresco de Santo André está listo para o consumo ás poucas horas de pasar o proceso de elaboración, o queixo curado debe experimentar un período de conservación de 50 días como mínimo -que chega neste caso ata os 70 días- e que o converte nun queixo moi especial que non deixa de gañar adeptos.
No proceso de maduración, a pasta vai collendo unha cor amarelada que pode gañar en intensidade, cun sabor con matices metálicos e picantes, mantendo o sabor lácteo, o recendo característico do queixo fresco da DOP e un toque lixeiramente acedo. As técnicas e cuidados empregados, con mofos naturais recubrindo o exterior, potencian sabores e aportan complexidade ao produto.
Suxestións de consumo e conservación: Este queixo, por eses especiais matices que lle da a curación, é ideal para degustar só. Pero serven igualmente as considercións que aporta a Denominación de Orixe Protexida sobre o queixo fresco para saborealo cun bo mel, marmelo ou noces. E constitúe tamén un excelente produto na cociña para elaborar pratos de todo tipo. Hoxe, grazas ás aportacións de restauradores e reposteiros, e tamén das asociacións e consumidores en xeral, pódese falar dun produto tradicional de mútiples aplicacións na arte culinaria.
No etiquetado está a referencia para o seu tempo de consumo. A curación deste Cebreiro permite que alongue amplamente a súa conservación, o que entronca directamente coa idea de que en séculos pasados poidese chegar en condicións a diversos puntos de Europa.
Teñen os queixos do Cebreiro, ademais dun amplo percorrido no mundo da degustación e dos fogóns, un terreo propicio para a súa relación cos magníficos viños que se elaboran en Galicia. Tamén neste caso hai gustos e moito onde elixir para un curado tan especial como este que ofrece o fabricante.
Tanto o fresco como o curado Santo André son as últimas incorporacións en queixos dalgunha das catro denominacións de orixe protexida que forman parte de Galicia Calidade, selo da Xunta de Galicia que garante a calidade de determinados produtos e servicios que se xeran, elaboran ou se transforman na Comunidade Autónoma.