Queixo: 'San Simón da Costa -200 días de curación-,
de ‘Queixería Daniberto’
Procedencia: Rúa Pude, 2 / San Simón da Costa /
Vilalba (Lugo)
DOP: San Simón da Costa
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Tamaños dispoñibles:
- 1 quilogramo, aprox.
A súa elaboración é reducida, polo tempo de espera para dispor del. Así que convén pedir o produto con tempo, porque non esta dispoñible todo o ano. E esta circunstancia non é exclusiva da Queixería Daniberto, senón doutros fabricantes da Denominación de Orixe Protexida lucense, que o teñen no catálogo para os tempos de maior consumo, como pode ser a celebración da propia feira de exaltación deste queixo.
O afumado, con labras de bidueiro, dalle a este queixo un característico e diferenciado sabor que, segundo destaca o produtor, convérteo nalgo exclusivo, que o diferenza de todos os queixos galegos e, practicamente, de todos os do mundo. É argumento válido para o de 45 días e, por suposto, para o de 200 días de curación, xa que se resalta aínda máis o sabor e o recendo dun xeito de conservación de sempre para os galegos: o do fume.
Como o resto dos queixos acollidos á Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, presenta unha codia afumada, dura e inelástica, dun a tres milímetros de grosor. A pasta coa que está elaborado ten unha textura fina, graxa, semielástica e densa, de cor entre branca e amarela. É unha pasta suave ao corte - máis sólida no caso do San Simón de 200 días de afumado-, cun aroma e sabor característicos nos que o efecto do fume de bidueiro xoga un papel fundamental.
Para a elaboración deste queixo, amparado pola DOP San Simón da Costa, emprégase leite natural e enteiro, cun procedemento ancestral que - se se atende ás lendas que se van mantendo dunhas xeracións a outras- remóntase aos pobos da civilización castrexa, que poideran proceder das tribus celtas e que se situaron nos montes da Serra da Carba e do Xistral.
Suxestións de consumo e conservación: Como todos os queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, é un produto ideal para as sobremesas e para degustar a calquera hora do día. E tamén acaído para traballar na cociña, sen máis límite, case, que o que veña marcado polas habilidades e bo facer dos cociñeiros, que non dubidan en aproveitalo para elaborar salsas exclusivas, e mesmo coa propia cuberta do queixo, perfectamente comestible.
Marida á perfección con viños galegos tintos e brancos, ou cunha boa cervexa. E como nesta caso estamos a falar dun queixo máis intenso, cabe pensar en caldos algo potentes, que diso temos tamén excelentes mostras.
E falando de irmáns maiores' a deominación apunta que, por primeira vez, xa viu a luz un limitado número de pezas, froito dun "cuidadoso e laborioso proceso de elaboración que durou máis dun ano", xunto o que corresponde co seu período de curación. Estes queixos só se poden adquirir baixo petición e encargo previos.
Queixería Daniberto pon especial énfase na produción de todos os seus produtos, coidando valores de antano e tentando ser fiel á tradición. Busca tamén ampliar mercado e chegar a padales distintos, polo que nos últimos anos sacou novas propostas. Pero o San Simón e o Queixo de Tetilla seguen a ser os seus reclamos máis fortes cara a un consumidor esixente.
Os queixos afumados - mesmo o 'San Simón de 200 días de curación'- están inscritos DOP do mesmo nome, e están acollidos a Galicia Calidade, un selo da Xunta que certifica a orixe galega do produto e a súa calidade. Actualmente son unhas 140 empresas a arredor de 600 produtos ligados a este certificado da Comunidade Autónoma.