Queixo: 'Tetilla', de Lácteos Terra de Melide
Procedencia: Orois, s/n 15800 Melide
(A Coruña)
DOP: Queixo Tetilla
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Tipo de queixo//Descrición: Lácteos Terra de Melide fabrica tanto queixo Tetilla como queixo Arzúa-Ulloa. Son, nos dous casos, procesos de produción moi semellantes. O leite e o mesmo, adquirido cada día aos mesmos gandeiros. É certo que cando se fai o 'Tetilla', é preciso que non sexa tan cremoso, xa que perdería esa consistencia da que precisamente fai gala o seu nome. Polo demais, están moi presentes neste caso a suavidade e a cremosidade, cun sabor intenso a leite.
As características deste queixo veñen marcadas polas pautas que impón o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) do mesmo nome. Pártese exclusivamente de leite, callo, fermento e sal para a elaboración do produto.
A DOP é moi clara, e cosegue baixo a denominación que se obteña unha produción uniforme, pero están logo os matices e as peculiaridades de cada quen. Inflúen nesas particularidades, o xeito de facer de cada fabricante, sobre todo no que se refire aos tempos. Tamén se utilizan leites distintos. E depende igualmente de factores como unha maior ou menor humidade nas cámaras. O leite, segundo as épocas do ano, aporta variacións que teñen logo a súa incidencia no queixo.
Suxestións de consumo e conservación: Na cociña ofrece este queixo múltiples posibilidades. "Vai con todo", en palabras do fabricante, quen recalca que "funde moi ben", como sucede co Arzúa-Ulloa - que tamén fabrica Terra de Melide- e da "moito sabor". É ideal para cociñar con pastas e carnes ou como ingrediente destacado para facer empanadas. Para un produto que antes só se ofrecía para sobremesa, estase a empregar cada vez máis na restauración, por exemplo, na elaboración de cremas. Para maridar, o fabricante decántase por un bo viño branco galego.
No que se refire a ese aspecto tan fundamental como é o da conservación, ao que se soe prestar en ocasións máis ben pouca moita atención, recomenda este fabricante que se fose posible,o ideal sería que o queixo estivese sempre fóra do frigorífico. Pero sucede que hoxe, a calefacción axuda a que "suen os queixos". Por iso, a recomendación neste caso e que "se está fóra, debe seguir fóra". Un queixo cremoso que se saca da neveira, colle calor e logo, se se volve gardar, perde parte da súa prestancia. "Ao queixo non lle gusta estar pechado", polo que se recomenda Lácteos Terra de Melide que, mesmo nas neveiras, conviña porlle unha pequeña reixa ou aireación que permita que o aire circule por debaixo do produto. Tal como sinala a etiqueta de venda, debe estar entre os 4 e os 8 graos para unha boa conservación.