Queixo: 'Tetilla',
de Queixería Daniberto
Procedencia: Rúa Pude, 2 / San
Simón da Costa / Vilalba (Lugo)
DOP: Queixo Tetilla
Tipo de leite: de vaca, pasteurizado
Ten no seu olor e sabor o toque de suavidade que buscan moitos entusiastas dos queixos, cunha textura cremosa que o converte en ideal para desfrutalo en calquera momento do día. É un queixo semicurado, elabordo con leite de vaca, e ten un período de maduración mínimo de sete días.
Falamos dun queixo cunha codia fina e elástica, de menos de 3 milímetros de espesor, cunha cor amarela palla natural e sen mofos. O seu aroma, é suave e lixeiramente acedo e con lembranzas ao leite de procedencia. O sabor e lácteo, manteigoso, lixeiramente acedo e salgado suave.
Suxestións de consumo e conservación: Este queixo ten esa peculiar forma cónica cóncava-convexa, dos 'Tetilla', máis achaparrado que outros da denominación -pero sempre dentro dos parámetros esixidos- que lle da unha particular vistosidade. Recomenda Queixería Daniberto que se conserve o seu 'Tetilla' na parte baixa do frigorífico e que se saque unha hora antes de que se teña previsto consumilo. Con isto, garantízase que estea pleno de sabor e totalmente preparado organolepticamente para sorprender o padal.
Na cociña, no hai máis que atender as propostas que da a propia DOP Queixo Tetilla, que non só aporta información sobre as delicias deste produto coas receitas dos mellores cociñeiros, senón que busca incentivar "o cociñeiro que levas dentro", que non deixa de ser un paso cualitativo no consumo dun queixo que está recoñecido como o mais internacional dos galegos.
E para unha breve mostra, os rotundos enunciados de dúas receitas: 'Rolo de tenreira galega reenchido de algas e queixo Tetilla ao mencía' ou 'Pescada de Celeiro con repolo, gratinada con Queixo Tetilla', para a ocasión o que fabrica Queixería Daniberto.
O 'Tetilla' de Daniberto forma parte de Galicia Calidade, firma da Xunta de Galicia que certifica a calidade -avalada pola orixe galega, a elaboración na Comunidade Autónoma, a materia prima ou o deseño galego- dos produtos e servizos que sexan merecentes desta distinción, unha vez que se contraste mediante os controis establecidos. Daniberto ten tamén baixo o paraugas da marca de garantía Galicia Calidade os queixos que fabrica na denominación San Simón da Costa.