Adrián Pérez Lago, responsable de vendas de Queixos Castelo de Brañas
QdeG/Gonzalo S. Lourido
Queixos Castelo de Brañas volveu ser na última Cata dos Queixos de Galicia o produto de referencia da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Cebreiro. Os tempos non son doados para os fabricantes galegos. O último episodio está a ser o significativo incremento dos prezos que xogan na produción, incluído o custo do propio leite. Pero reconforta saber que o traballo ben feito ten sempre a súa recompensa. A isto chámalle "aposta pola calidade" Adrián Pérez Lago, responsable de vendas da empresa lucense. E esa calidade, sabe moio de non medrar por medrar.
Pregunta.- Queixos Castelo de Brañas gañou este ano o premio de ouro da Cata dos Queixos de Galicia; que representa o recoñecemento para a súa fábrica cara as vendas?
Resposta.- Non se pode avaliar, non se pode medir. Sempre hai un impacto en imaxe, en canto á marca ou no recoñecemento que os queixos poidan ter no punto de venda, pero non o avaliamos antes e, polo tanto, non o podemos medir despois.
P.- O premio de ouro na Cata de Queixos de Galicia é practicamente unha constante para a queixería, cantos van xa?
R.- Non me lembro. Agás a edición do ano 2019 ou 2018, penso que foron todas consecutivas. Unhas 25 ou por aí.
P.- Actualmente son tres os fabricantes activos da denominación de Orixe protexida Queixo Cebreiro: Castelo de Brañas, Santo André e Fonchave. A produción segue a ser pequena. É díficil que aumente?
R.- Non, non é difícil nin é necesario. É a xusta; ten a dimensión correcta para facer un produto de calidade, mantelo ao longo do tempo, porque son moitos anos. Por que, probablemente, se a miña familia dese un paso adiante para facer unha gran produción, problablemente non estariamos aquí, porque teriamos que apostar por custos e non pola calidade. A aposta pola calidade é o que che permite manterte.
Todo, absolutamente todo, sobe
P.- Cómo quedou o ano 2022?
R.- Ben, en vendas moi ben. Hai unha inestabilidade económica que nos afecta a todos como consumidores e tamén como produtores. Como produtores, por que hai moitos días que non sabemos canto nos custa facer un queixo. Entón, polos incrementos das materias primas, a alza do prezo do leite, os envases o transporte e o custo do propio gasoil da caldeira…, todo, absolutamente todo sobe.
P.- Non teñen gandería propia…
R.- Non.
P.-Están, polo tanto, a mercé do que vaia sucedendo. Notaron a suba dos prezos...
R.- Si claro, claro.
P.- E ese incremento dos prezos do leite é tan preocupante que poida levar á escaseza do produto?
R.- A suba de prezos non implica problema de leite, o problema é o 'cash'. Se hai leite e hai unha alza dos prezos, o que necesitamos é vender máis caro. E teremos que buscar un público que estea disposto a pagalo e, senón, obviamente, non podemos seguir.
P.- O prezo do queixo Cebreiro é moi axeitado. Ten percorrido para subir?
R.- Ben, hai unha flexibilidade sempre no prezo dos produtos e tes que analizar, dentro das limitacións polas infrasestructuras que temos, ata onde podemos subir.
P.- Onde é queixo de referencia para telo con frecuencia na mesa?
R.- Depende do lugar. Na nosa zona ou na montaña, quen o consome si que o ten normalmente na casa. Hai persoas que o mercan como un produto puntual para un evento, para unha ocasión especial; hai xente que o merca para regalar. Pero tamén nos centramos moito na hostalería, para o público profesional. Aínda que podemos vender directamente en canal gran distribución, sabemos que quen finalmente está a adquirir ese queixo é, moitas veces, un hosteleiro, un pequeno restaurador que non lle dá para comprarnos directamente gran cantidade ou que non ten un distribuidor de man e, entón, vai mercalo a unha gran cadea.
P.- Estacionalmente, cales son os tempos de máis vendas; o Nadal, por exemplo?
R.- No noso caso non. Sabemos que hai outros queixos que para as festas e para regalar si que venden moito. Para nós, as vendas son practicamente como o resto do ano. Os nosos momentos puntuais son a partir de Semana Santa ata finais de setembro-outubro. Pero non é que o Nadal marque un pico máis aló de que calquera tenda pida máis ou menos cantidade.