Gonzalo S. Lourido
A Festa do Queixo de Arzúa -a primeira que se celebra cada ano en Galicia- foi a única que houbo en 2020 porque, poucos días depois, instalouse nas nosas vidas a covid-19. Hai uns meses, en marzo de 2021, Arzúa non se resignou a esperar e preparou unha feira na rede, virtual, "para que quedara constancia de que estabamos aí", sinala o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP), Xosé Luis Carrera. Para 2022 xa se anunciou unha nova edición do encontro anual, que volverá ser presencial e que se confía que se asemelle ao de hai dous anos, que foi un éxito. Neste impasse da pandemia, as cousas non foron tan mal para a DOP, porque os consumidores seguiron apostando polo produto que ten na Comunidade Autónoma un mercado maduro, que mira cara fóra para seguir medrando.
P.- En 2020, o Arzúa -Ulloa rexistrou récord de produción. Foi un resultado contraprognóstico ou quedaba a confianza dese crecemento sostido, dun 2% sobre o ano 2019?
R.- Realmente, non é que confiaramos ou non. No momento en que nos confinan baixa a nosa produción, sobre todo nas queixerías máis pequenas e as que vendían máis á hostalería e na venta directa. Pero comprobamos, pola contra, que as queixerías máis grandes que vendían aos supermercados, por razóns de provisión para as casas -como é un produto fácil de consumir e xa está dispoñible-, aumentaron as súas vendas. Aí vimos que xa había unha pequena compensación. E despois puidéronse estabilizar as queixerías máis pequenas, xa que se abriu a venda directa despois do confinamento.E aínda que diminuíu un pouco co peche da hostalería, a venda nos supermercados aumentou. Non sabiamos os resultados -porque era algo impredicible- pero en ningún momento percibimos que houbera unha caída nas vendas como noutros sectores.
P.- Ao desaparecer calquera promoción ou exaltación como feira dos queixos, supermercados e tendas en xeral, especializadas ou non, fixéronlle un oco importante Ao Arzúa-Ulloa que evitou maiores quebrantos, e seguiron as vendas igualmente?
R.- O noso mercado ten presenza xa nas grandes superficies e nas tendas especializadas. É un produto fácil de consumir, non como outros máis elaborados ou que hai que consumir, por exemplo, nun restaurante. O noso é un produto, digamos, acabado, disposto para tomar. E non se viu mermado porque a xente seguiu comsumíndoo.
Mercado maduro
P.- Desde 2010 ata 2020, incluídos os dous anos, rexístranse 400.000 quilogramos máis de Arzúa-Ulloa en vendas. Neste crecemento continuado hai que falar dun mercado maduro para o produto ou quedan moitos nichos aínda nos que seguir incrementado vendas?
R.- Ben, o mercado galego está maduro, porque, realmente, cada vez que medramos, tamén o facemos no mercado galego, no que temos moita presenza. Pero tamén é certo que -sempre afortalando o mercado local, que é o noso forte- temos que entender que calquera cremento que teñamos vai vir por vender fóra de Galicia. E dicir, que hai moita marxe, porque a venda fóra, dentro do Estado español, aínda ten moito percorrido. É un produto que chega a destino bastante ben e que é moi ben acollido. Polo tanto, as posibilidades veñen dadas polo crecemento que teñamos fóra de Galicia. As vendas aquí hai que seguilas mantendo e impulsando, pero xa chegamos a unhas cotas altas que son difíciles de aumentar, porque o consumo de Arzúa-Ulloa que temos por habitante non é fácil de mellorar, sobre todo porque a xente, cada vez, quere queixos máis variados. Así que podemos ter moitos consumidores fieis aos nosos queixos pero que están abertos a outros diferentes. Entón, entendemos que non é doado subir as cotas de consumo que temos aquí.
Medrar fóra
P.- O Arzúa-Ulloa ten problemas co tempo de conservación para saír fóra de Galicia?
R.- É certo que pola súa cremosidade e polas súas características, é un queixo un pouco delicado. Non quero dicir que non viaxe, pero non o fai como un San Simón ou un queixo curado, evidentemente. É máis delicado á hora de manexalo. Hai que ter en conta outras cuestións para ver que chegue ben, que sexa nunha rotación non moi longa…, pero si que se poden facer cousas con el cara ao exterior. Nós estamos satisfeitos porque mantemos os niveis de produción, seguimos mantendo a a segunda produción do Estado en denominacións de orixe. E seguimos a ter sempre un lixeiro crecemento. Queremos continuar aí. Seguir nesa tónica é o importante, logrando que calquera baixada de consumo que teñamos en Galicia pola entrada doutros queixos sexa sempre compensanda pola maior venda fóra de Comunidade Autóma. E tamén pola exportación a outros países, pero iso segue a ser para nós por agora testemuñal. Estaremos nun cinco por cento, máis ou menos.
P.- Había 21 queixerías en 2010 e o ano pasado 19. Os últimos datos falan tamén de 20 inscritas, con 18 activas…
R.- Os datos son 20 inscritas e 18 activas, e iso é porque hai algunha fábrica pequena activa que está temporalmente parada. Está inscrita no Consello Regulador pero non está funcionando neste momento, por mor do cambio de titularidade e, mentres o novo titular non se pon á fronte, a queixería non está en activo.
P.- Non hai, polo tanto, baixas…
R.- É certo. E non hai incremento de queixerías desde hai un tempo. Os incrementos que se dan son na produción.
P.- Polos efectos de todos coñecidos, en 2020, a Festa do Queixo de Arzúa foi a única que se puido celebrar. Ata hoxe, que non houbo outra de exaltación dos queixos galegos. En 2021, a denominación apostou 2021, por unha festa virtual…
R.- Si, foi unha feira na rede, virtual, para que quedara constancia de que estabamos aí.