QdeG
Após participar en feiras, exposicións e concursos nacionais e internacionais, os queixos galegos van rivalizar agora, camiño da fin de ano, por quedaren entre os mellores do país. Son, en total, 31 fabricantes, que aportan a exame un total de 66 mostras. Os catadores afinan nestas horas as súas habilidades no Pazo de Quián, en Sergude, (Boqueixón/A Coruña) un bo escenario no que ten a sede a a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá ao pazo, onde se están a avaliar tamén as mostras da nova edición dos Meles de Galicia. Alí destacou o reforzo pola promoción dos queixos galegos de calidade diferenciada a través dunha nova edición do certame.
As propostas repártense do seguinte xeito: DOP Queixo Tetilla (16 mostras); DOP Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa Curado (19 mostras); DOP San Simón da Costa e San Simón Curado (13 mostras); DOP Cebreiro e Cebreiro Curado nas categorías Cebreiro e Cebreiro Curado (tres mostras entrambas); Queixos Ecolóxicos (seis mostras); e Queixos Artesáns de Galicia (nove mostras).
O panel da cata está integrado por 12 expertos, encargados de analizar totalmente ás cegas e de forma minuciosa estas mostras, para seleccionaren as marcas gañadoras.
Os datos de 2024
Só as catro denominacións de orixe protexidas suman máis de medio cento de queixerías en toda Galicia, que producen arredor de sete millóns de quilos de queixo ao ano e que representan un valor económico estimado de máis de 58 millóns de euros (datos de 2024).
Tendo presentes estes datos, a conselleira do Medio Rural cualificou a produción queixeira como un sector de referencia no rural galego, "que dá valor engadido ao noso leite e que contribúe de xeito moi destacado a crear emprego e riqueza, así como a fixar poboación”, dixo.
RSS Feed
