Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • San Simón Costa
  • Cebreiro
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

Moeche: ¡queixo á feira!, sol e moita xente

30/3/2025

0 Comentarios

 

A.S.R.
​

O bo tempo foi a 'gran carpa'  que acubillou hoxe a VII Festa do Queixo de Moeche, onde se deron cita milleiros de visitantes, que non desaproveitaron as primeiras horas da apertura do encontro para mercar, así que na meirande parte dos postos, houbo que facer cola. De feito, as enquisas que cada ano recollen os organizadores apuntan a que o número de ventas estivo como nos mellores momentos da prepandemia. E houbo cheo tamén á hora de xantar, con moitas racións de polbo, acompañadas -para quen o levara debaixo do brazo- polo afadado pan de Carral ou do propio concello, que ambos os dous están para 'tirar foguetes'.

As vendas foron moitas, e queixerías como as do País Vasco e Asturias xa confirmaron asistencia para 2026. En total acudiron 33 fabricantes. Foron en boa medida galegos, aínda que cunha participación significativa doutros puntos do Estado,  como León, Valladolid, Ciudade Real, Badaxoz ou Zamora. Así que puido mercarse, por exemplo, o queixo do fabricante asturiano Asiegu, da Denominación de Orixe Protexida Cabrales, que foi o invitado oficialmente para esta edición do feiral e que vendeu todas as existencias. É un queixo ecolóxico.

¡Queixeiros, ao tren!

Feitos os primeiros recontos, o xa coñecido Tren do Queixo, carretou a Moeche e logo devolveu aos seus fogares ao longo do día a varios centos de visitantes, aínda que por estrada chegaron moitos máis, que puideron contar con aparcamento sen moita dificultade grazas ao servicio organizado polo concello. 

0 Comentarios

Xa vai  o Tren do Queixo cara a Moeche

29/3/2025

0 Comentarios

 
Feira do Queixo de Moeche / queixosdegalicia.comFoto
Posto de Lácteos de Moeche, na edición de 2024

QdG

Despois das feiras do queixo de Arzúa (a primeira do ano), e da de Friol (o pasado 23 de marzo), tócalle a quenda agora á do concello coruñés de Moeche. Está á volta da esquina e deberán ter en conta os que acudan que van durmir esta madrugada do sábado ao domingo unha hora menos de manteren os horarios habituais.

Pois si, este domingo, 30 de marzo, celébrase a VII Feira do Queixo de Moeche, un encontro gastronómico xa consolidado cuxo obxectivo principal permanece invariable desde o mesmo momento da súa creación: o impulso do sector lácteo en xeral e en particular o do mundo do queixo da zona.

33 queixerías

Xa que logo, durante a xornada congregaranse no recinto feiral, a un tiro de pedra do propio concello, 33 queixerías galegas e de distintos puntos do Estado. Haberá tamén numerosos postos de alimentación, así como catas comentadas, obradoiros infantís, maxia e sorteos, visitas ao castelo de Moeche e un transporte moi especial, que permitirá que moitos centos de visitantes poidan acudir  ao evento: o Tren do Queixo, que cada ano carrexa desde Ferrol aos que queiran apostar por un traslado de ida e volta sen présas nin sobresaltos a un encontro lúdico e gastronómico do que moitos gostan desfrutar durante toda a xornada.  
0 Comentarios

Friol combate o mal tempo con 24.000 queixos na feira anual

23/3/2025

0 Comentarios

 

G.S.L.

A climatoloxía  frustrou en parte as previsións de asistencia á 31ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, aínda que o encontro no desmereceu aos de edicións anteriores, xa que na carpa cambiaron de mans entre 15.000 e 16.000 pezas de pan e entre 23.000 e 24.000 pezas de queixo. As transaccións no exterior do recinto foron boas tamén. De feito, en palabras do alcalde deste concello lugués, José Ángel Santos, por cada euro aportado para a celebración da feira, o retorno na actividade económica para o municipio estímase en arredor duns cinco ou seis euros.


No capítulo dos produtores de queixo artesanais houbo novidades en relación co ano pasado, xa que se sumaron á actividade dous máis, das parroquias de Cotá e de Xiá, co que pasan de 51 a 53.

A día de hoxe, o decreto de artesanía alimentaria, que regula actividades como a produción dos queixeiros artesanais que acudiron este domingo ao feiral friolense, cumpre "ao cento por cento" as expectativas desta actividade, segundo o reitor municipal, quen asume que a posibidade dunha pretendida quinta denominación de orixe queixeira galega para o produto de Friol é algo que está aí e que compre agardar, co que  "de sermos coherentes" e "de seguir a medrar en canto a produción de queixo" é unha medida que está enriba da mesa para aplicar, dixo.

Control do tráfico

Para evitar os problemas de caos do tráfico en determinados momentos da celebración do feiral como o ano pasado, nesta ocasión dedicouse máis persoal para o seu control e habilitáronse parcelas próximas ao casco urbano para aparcar, co que se aliviou ate certo punto o problema.  

0 Comentarios

Friol: sinfonía de queixo e pan

22/3/2025

0 Comentarios

 
Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá / queixosdegalicia.com
Nin un visitante sin un pan nin un queixo...
A.S.Rocha

Friol desperta este domingo á unha nova edición da súa festa más xenuína. A gastronomía do queixo e do pan, adobiada coa ancestral exposición feiral de todo aquilo que precisa a economía doméstica, desde unha cesta de binvio para acomodar os ovos ou outras moitas viandas labregas ata unha fouciña para recortar as herbas e a maleza do inverno, unha sachola para airear a terra na que irán as novas sementes na primavera, viandas co porco salgado ou afumado como estrelas  ou un pixama e unha manta para aconchegarse á calor da lareira e esvacoarse diante dunha boa proposta televisiva. Case todo.


O pan ao queixo uo o queixo ao pan deben ser en boa parte de Galicia o que en termos musicais foi Fausto Papetti ao saxofón, Nacho Mastreta ao clarinete ou, para barrer para a casa, Carlos Núñez á a frauta e á gaita galega. Por poñer exemplos, craro. En todo caso, o resume é festa, música para o padal e para os sentidos.

Debe manterse este domingo nestas terras luguesas do Friulio o espíritu de antano daquelas 'tetillas' polas que deveceron nas últimas décadas os amantes do queixo do país,  e que os máis afortunados tiñan preto. Os de máis lonxe, os informados, eran sabedores de onde atopar o prezado 'botín'. Daquela funcionaba tamén o boca a boca, e se alguén que viña de Lugo, camiño de Vigo, por exemplo,  sabía que podía facer una parada breve en Chantada para mercar algunha peza nunha pequena tenda na que permanecían aniñadas entre pallas pezas rebuscadas -pola menor produción-. Pezas como aquelas estarán este domingo ao alcance de todos.
​
Milleiros de queixos de Friol, algúns milleiros menos de pexas de pan de Ousá e camiño de 25.000 visitantes. Hai festa. O concello local -organizador- dirá cantos somos e a canto tocamos.

Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá / queixosdegalicia.com
Ás tres da tarde, nin queixo nin pan...
0 Comentarios

Arzúa pecha ciclo e bate récord, con 50.000 amantes do queixo

16/3/2025

0 Comentarios

 
50 Feira do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
O recinto feiral Terra do Queixo de Arzúa quedou pequeno para tanta xente

A.S.Rocha

A 50 edición da Festa do Queixo de Arzúa bateu o seu récord  de asistencia, con más de 50.000 visitantes durante toda a fin de semana, ao superar todas as expectativas e converterse ao mesmo tempo nun dos encontros máis multitudinarios dos que se celebran en Galicia tanto na exaltación dun produto estrela como é o queixo, como no mundo lúdico, da cultura e do divertimento que arrastra. E non hai que esquecer a vertente feiral de sempre, con centos de postos na rúa ofertando case de todo o que viandantes e curiosos queren ver e poden estar tentados de mercar.  


Tanta xente no recinto feiral fixo que moitos postos de queixo e do novo espazo gourmet para outros produtos esgotasen existencias xa o sábado e tamén a primeira hora de hoxe domingo. Desde cedo, e no tempo que se vai achegando a hora de xantar, que é cando hai que rematar as compras axiña para voltar á casa ou para compartir a pé de toldo mesas alongadas e interminables e manteis de papel para darlle unha sabrazo á carteira e entrar nas exquisiteces do polbo á feira, a carne ao caldeiro ou á grella na que compiten solucións gastronómicas como o churrasco ou o bacallao.

Á espera das enquisas

Para a ocasión, ademais dun control das entradas e saídas do recinto queixeiro -que permitiron transitar con pouco, pero algo máis de acougo que en anos anteriores-, a organización fixo enquisas oficiais, que permitirán sacar conclusións que han de quedar cara ao futuro.

Do Concurso de Petiscos di o concello arzuán -organizador- que acadou unha das maiores afluencias de público da historia. Con propostas "innovadoras e exquisitas" da hostalería local que tiveron correspondencia coa asistencia do público.

Deixando a un lado a gran resposta que cada ano teñen os concertos musicais - máis de 12.000 persoas converteron a praza do concello durante o fin de semana nunha auténtica festa-, traballóuse en ofrecer espazos inclusivos para todas as idades, desde o Pequequeixo ata o Espazo Concilia, que permitíu que as familias puidesen desfrutar da fin de semana con comodidade e tranquilidade.

Co agarimo e a satisfacción que dá unha resposta tan importante de visitantes, o concello destaca que todo apunta a que "a festa está máis viva ca nunca", e que se está traballando xa "para que a próxima edición siga facendo historia".


50 Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
Os organizadores calculan que nesta festa pódense vender uns 100.000 queixos

Foto
Pese ao control de entradas e saídas, transitar polo recinto segue a ser lento

50 Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
A muller queixeira, no centro do cartel anunciador deste ano, capitalizou a mensaxe da festa
0 Comentarios

'Pecar en Arzúa', non é pecar

15/3/2025

0 Comentarios

 

50 Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
Tapa gañadora, do restaurante arzuano Pecar

G.S.L.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa entregou este sábado o Premio de Pinchos e Tapas, un evento que se suma aos actos do 50 aniversario da Festa do Queixo de Arzúa, en plena apoteose este fin de semana, e que lle dá argamasa, paramento e se acaso fuste popular a un evento ao que lle deben quedar cando menos outros cincuenta anos para seguir medrando, que non fai outra cousa.  Pois ben, deses bares e restaurantes que lle fixeron estes días no concello coruñés un pouquiño máis agradable a vida a ous seus clientes, hai que destacar un, e unha tapa: 'pecar en Arzúa'. E hai que adiantar xa pola vía gastronómica e do petisco, que 'pecar en Arzúa', non é pecar. Se acaso é moito máis.

E xa que logo unha tapa gastronómica non pode ser considerada pecado, aínda que sexa pola vía da gula - que diso vai habendo cada vez máis, en detrimento das angulas - o certo é que a tapa foi a que máis puntuación acadou na valoración do xurado que  percorreu os 17 bares e restaurantes finalistas. Como proclama a expresión latina que: 'bonum vinum laetificat cor hominis', non coubo esperar menos do restaurante arzuano Pecar, que estivo a altura das circunstancias e non fixo falla 'darllas con queixo' aos membros do xurado. 

O segundo posto foi para 'Latinzua', do bar Os Amigos, e no terceiro lugar ficou a 'Vitamina A-U', da cafeteria Praza.

O xurado

 O xurado estivo constituído polo cociñeiro André Arzúa (Espazo Gastronómico Abella); Isabel Barral, en representación da Queixería Barral, de Arzúa; o cociñeiro Óscar Miranda, divulgador gastronómico en Radio Arzúa; Marcos González Rodríguez, membro do panel de cata dos queixos galegos, e Óscar Pérez Ramil, secretario-xerente do consello regulador.
No concurso tomaron parte 17 establecementos da hostalaría da vila de Arzúa, que elaboraron as súas creacións con queixo cedido gratuitamente polo Consello Regulador.
​
Coma noutros anos, polo elevado número de locais participantes foi necesario realizar unha cata previa. Nesa preselección o xurado estivo conformado por profesorado e alumnado de varios ciclos formativos da EFA Piñeiral de Arzúa, acompañados por persoal do consello regulador.
0 Comentarios

Arzúa, 50 anos de queixo no padal  e música no Camiño

11/3/2025

0 Comentarios

 
A.S.Rocha

O municipio coruñés de Arzúa leva 49 anos celebrando unha festa á que acoden moitos e moi variados visitantes. Uns veñen coñecer ou recuncar na degustación dun dos queixos de España con denominación de orixe protexida máis consumidos e reputados; outros moitos acoden tamén á chamada da diversión, do lecer, da troula e das actividades festivas. Queixo e música volverán darse cita os próximos 14, 15 e 16 de marzo. Son agora 50 anos de traballo cara á proxección dun produto 'estrela', adornado da mellor música ou de mans tan avezadas nos fogóns para a ocasión como as da galega Lucía Freitas ( 'estrela Michelín'), que dará o pregón.

​
Non queda nadiña, porque este venres, 14 de marzo, hai actividades xa, como a 17ª edición do Concurso de Tapas e Petiscos ou a presentación do Libro colectivo 50 anos, 50 receitas, 1 queixo / Unha viaxe culinaria polo medio século da Festa do Queixo de Arzúa'.

O sábado, 15 de marzo,  ás 11 da mañá, abriránse as portas do recinto Feiral Terra do Queixo. Ao longo da xornada son múltiples e variadas as propostas, a fundamental das cales será o pregón de Lucía Freitas, integrante do Grupo Nove ( ás 12 horas); e, ás dúas menos cuarto, medio cento de visitantes poderán degustar os pratos e petiscos que preparará a cociñeira cara ao público, co produto estrela local como principal reclamo culinario.

A homenaxe ás mulleres queixeiras, un obradorio infantil titulado 'cociña un queixo moi doce' ou unha charla e cata sobre 'Queixo e Saúde, desfacendo mitos', súmanse á oferta, que ten o colofón da xornada pola tarde co inicio dos concertos, todos de balde. Baixo a carpa estarán Mondra, Capital Voskov, Xoel López, Cariño e The Rapants.

'Domingo de queixos'

O domingo, 16 de marzo, o recinto feiral abre as portas ás 10 da mañá. Alí estarán cos seus mellores produtos oitenta queixerías -entre os fabricantes locais da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, as produtoras lácteas tradicionais (PLTs), e os múltiples vendedores de outros puntos de Galicia,  de España e de queixos doutros países como Francia ou Italia.

Foi preciso habilitar o primeiro andar do recinto feiral e facer unha nova distribución dos espazos para darlle cabida a tanto expositor. Fóra do recinto, tamén haberá 'cheo absoluto', con arredor de 270 solicitudes para instalar o amplo mundo da artesanía de aquí e de acolá.

Despois da Sesión Vermú, a cargo de O Son de Arzúa -un espectáculo musical creado especialmente para celebrar o 50 aniversario- os concertos da tarde-noite correrán pola conta de Os Melidaos e Xisco Feijóo.

A figura feminina da queixeira

Nesta ocasión, o cartaz clave dos cinco que anuncian o feiral -obra do deseñador Daniel Camino- destaca fundamentalmente a figura feminina da queixeira, con mulleres que foron fundamentais na historia desta festa. Reflicte unha mensaxe  cargada de simbolismo  e pon no centro á muller traballadora, resumindo o papel crucial que desempeñaron e desempeñan elas no ámbito rural e na conservación da tradición queixeira galega. Cada un dos cinco carteis honra a diferentes grupos da comunidade: as produtoras de queixo, as artistas, os visitantes, as traballadoras os traballadores e as xeracións que foron parte activa da celebración.

Pero o programa inclúe máis, moitas actividades máis, para todos os públicos.

50 Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
María Pilar Camba, aos 89 anos, é unha desas mulleres que resumen co seu labor o espíritu do 50º aniversario da Festa do Queixo de Arzúa

Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.comFoto
Queixo de Arzúa, feito por mans artesás, á venda en 2013 no recinto feiral

Festa do Queixo de Arzúa / queixosdegalicia.com
Estes queixos teñen prezos moi axeitados para a súa calidade
0 Comentarios
    Logo Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Queixos de Galicia / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina / queixosdegalicia.com
    Código QR da páxina web

    Autor

    Blog de novas de actualidade do portal web queixosdegalicia.com



    Conselleria do Medio Rural / queixosdegalicia.com

    Galicia Calidade / queixosdegalicia.com


    Archivos

    Junio 2025
    Abril 2025
    Marzo 2025
    Diciembre 2024
    Octubre 2024
    Agosto 2024
    Junio 2024
    Mayo 2024
    Abril 2024
    Marzo 2024
    Febrero 2024
    Noviembre 2023
    Octubre 2023
    Agosto 2023
    Junio 2023
    Abril 2023
    Marzo 2023
    Febrero 2023
    Diciembre 2022
    Noviembre 2022
    Octubre 2022
    Septiembre 2022
    Agosto 2022
    Julio 2022
    Junio 2022
    Mayo 2022
    Abril 2022
    Marzo 2022
    Febrero 2022
    Diciembre 2021
    Octubre 2021
    Septiembre 2021
    Julio 2021
    Marzo 2021
    Diciembre 2020
    Octubre 2020
    Septiembre 2020
    Agosto 2020
    Julio 2020
    Mayo 2020
    Abril 2020
    Febrero 2020
    Enero 2020
    Diciembre 2019
    Noviembre 2019
    Octubre 2019
    Septiembre 2019
    Agosto 2019
    Julio 2019
    Junio 2019
    Mayo 2019
    Abril 2019
    Marzo 2019
    Febrero 2019
    Enero 2019
    Diciembre 2018
    Noviembre 2018
    Octubre 2018
    Agosto 2018
    Junio 2018
    Mayo 2018
    Abril 2018
    Marzo 2018
    Febrero 2018
    Enero 2018
    Diciembre 2017
    Noviembre 2017
    Octubre 2017
    Septiembre 2017
    Agosto 2017
    Julio 2017
    Junio 2017
    Mayo 2017
    Abril 2017
    Marzo 2017
    Febrero 2017
    Enero 2017
    Diciembre 2016
    Noviembre 2016
    Octubre 2016
    Septiembre 2016
    Agosto 2016
    Julio 2016
    Junio 2016
    Mayo 2016
    Abril 2016
    Marzo 2016
    Febrero 2016
    Enero 2016
    Diciembre 2015
    Noviembre 2015
    Octubre 2015
    Septiembre 2015
    Agosto 2015
    Julio 2015
    Mayo 2015
    Abril 2015
    Marzo 2015
    Febrero 2015
    Diciembre 2014


    Categorias

    Todos
    Agricultura Ecolóxica
    Cata Dos Queixos
    Concurso De Pinchos
    Cooperativa Caprina Gallega
    Craega
    Ecolóxicos
    García Baquero
    Inés Abril
    J. A. Fernández
    Javier Piñeiro
    Palas De Rei
    Portomeñe
    Produtos Ecolóxicos
    Queixos Da Chaira
    Queixos Ecolóxicos


    Fuente RSS


Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia