O recinto da Festa do Requeixo da Capela foi este domingo un fervedoiro de xente, impulsada polo desexo lúdico e festivo de participar nun encontro no que os pequenos e mailos grandes teñen os seus espazos e no que se lle rende homenaxe a un dos produtos con máis arraigo e 'tirón' deste concello coruñés. Así o entendeu o pregoeiro deste ano, o escritor e xornalista de La Voz de Galicia Ramón Loureiro, quen en clave histórica e ancestral aludiu ao requeixo como unha arte e un símbolo "dunha Galicia eterna e acolledora".
Ramón Luoreiro, que votou man dalgunhas liñas argumentais do seu libro 'Las galeras de Normandía' -no que están presentes as terras da Capela-, asignoulle a esta contorna e á súa historia remiscencias "máxicas". E á festa e ao requeixo locais atribuíulles o papel de "preservadores do medio rural".
O bo tempo ao longo de toda a xornada contribuíu a que o recinto desta XXXIV Festa do Requeixo da Capela recibise visitantes todo o día, cunha ampla concentración xa camiño da entrega de premios dos sorteos de produtos locais ou o reclamo da actuación de Encrucillada, camiño xa do serán.
Requeixo e queixo
Os asistentes deron conta de boa parte das máis de 3.000 terrinas de requeixo que puxeron a súa disposición, aínda que a Cooperativa do Campo da Capela, impulsora -xunto co concello- da festa, aportou camiño de dez referencias dos seus queixos, así como de manteigas de sabores, manteiga, manteiga cocida, iogures, nata fresca ou leite enteiro sen homoxeneizar, productos estes últimos que esta fábrica vai impulsar. E non faltaron outros queixeiros, como Quesería Gaia, de Vilar de Santos (Ourense), especializada na fabricación de queixos de cabra.
Arredor de 40 postos de venta de moi diverso contido, incluído o xa tradicional de maquinaria de labranza e xardinería, foron centro de atención para curiosos e potenciais compradores.