A choiva xogou ao longo da xornada dominical coas expectativas dos organizadores da XXXV Festa do Requeixo da Capela. Contra a unha da tarde, caeu auga con intensidade durante uns minutos, pero o pregoeiro desta edición non tivo dificultade para chegar ao palco da música, aínda que boa parte da audiciencia fíxose forte nos amplos acubillos dos puntos de venda. O escuro nubeiro inicial deu paso a un sol pouco crible. Pola tarde choveu algo e por momentos. O panorama non impediu que á hora de facer balance se volvese rexistar un ano máis unha venda de preto de 3.000 terrinas de requeixo.
Na súa intervención, Xan Rodríguez Silvar, biólogo e delegado da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol, expresou a súa ledicia de vir ao Concello coruñés da Capela para lembrar todo o traballo e todo o esforzo de xeracións "para conservaren, con cariño, os valores verdadeiros dunha forma sostible e dar vías de futuro".
Sobre o manxar local, do que dixo que para el é "un dos seus produtos favoritos", sinalou que lle recomenda a todas as súas amizades "que busquen este requeixo". No seu maxín estaba hoxe mercar camiño da media ducia de terrinas, "por que xa teño un destinatario", bromeou.
Intercesión do Mago Antón?
Non faltou nesta festa unha ampla representación de queixeiros, artesáns e expositores, con diversas actuacións musicais e un obradoiro infantil sobre a elaboración de sobremesas con requeixo.
E como choveu en moitos puntos de España - no caso da Capela, e en clave retranqueira-, non se sabe moi ben o alcance das pretendidas intervencións no recinto feiral do Mago Antón para controlar as precipitacións. Ben e certo que os asistentes saíron encantados do espectáculo, pero entre a maxia e o milagre…
RSS Feed
