Bicos, son sempre bicos, e por suposto tamén os gastronómicos, que poden ser igualmente sutís. Uns deben ir directamente ao corazón, que como se sabe ten as súas razóns que a propia razón non ten. Os outros, aparentemente máis sinxelos, medran ao pasar directamente polas papilas gustativas e dispáranse xa no retrogusto cara a mundos imaxinativos interiores.
Pero ben, en todo este proceso, sen ánimo de distraer, senón de complementar, aportaron estes días os hostaleiros da vila coruñesa de Arzúa -con motivo da súa 51 Feira do Queixo- un mundo paralelo de sabores, nun petisco, se acaso abrasador e/ou tórrido- capaz de derreter cremosidades en boca e de fidelizar aos amantes dos queixo. Disque algúns bicos -e con razón- non se lle deben dar a calquera, pero se son de Arzúa ou da comarca da Ulloa, poden ser bicos a esgalla, nos beizos…, sempre con queixo.
Un pincho, un bico
Pois si, o Bar Os Amigos foi o establecemento gañador do concurso de pinchos, tapas e petiscos que a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa organizou esta semana como acto complementario da 51 Festa do Queixo en Arzúa, que este domingo celebra o seu día principal.
A tapa, denominada ‘Ulloa Tropical’ foi a que máis puntuación acadou na valoración do xurado, que na tarde do venres percorreu os dez establecementos finalistas.
O segundo posto foi para o ‘Bico de Queixo’, unha creación da Cafetería Chacala. E no terceiro lugar ficaron empatados o ‘Beso de Mar y queso’, do Bar Encontro, e a ‘Volta do Cocido’, da cafetería Ameixa I.
O xurado
O xurado estivo constituído polo cociñeiro José Manuel Mallón (D’Antaño Foods & Service); Isabel Barral, en representación da Queixería Barral, de Arzúa; o cociñeiro Óscar Miranda, divulgador gastronómico en Radio Arzúa; Jesús Rodríguez, cociñeiro e copropietario da cafeteria Ultreia, e Óscar Pérez Ramil, secretario-xerente do consello regulador.
No concurso tomaron parte dezanove establecementos da hostalaría da vila de Arzúa, que elaboraron as súas creacións con queixo cedido gratuitamente polo Consello Regulador.
Como no ano anterior, polo elevado número de locais participantes,- foi necesario realizar unha cata previa. Nesa preselección o xurado estivo conformado por profesorado e alumnado de varios ciclos formativos da EFA Piñeiral de Arzúa, acompañados por persoal do consello regulador.
Domingo de festa
Arzúa deu hoxe sábado o pistoletazo de saída a unha nova edición da Festa do Queixo cunha primeira xornada que destacou pola elevada participación de público, o ambiente festivo nas rúas e unha programación pensada para todos os públicos.
Desde primeiras horas da mañá, o recinto feiral ‘Terra do Queixo’ converteuse no epicentro da celebración, coa apertura dos postos das queixerías participantes, que ofreceron degustación e venda do produto estrela desta cita gastronómica. Visitantes chegados de diferentes puntos de Galicia e de fóra da comunidade achegáronse para gozar dun evento que combina tradición, calidade e identidade local.
A xornada estivo marcada tamén pola celebración do pregón, que este ano correu a cargo de Federico Rey, quen puxo en valor a tradición queixeira de Arzúa e o sentimento colectivo arredor dunha festa que é xa símbolo de identidade para a vila.
No marco do acto institucional fíxose entrega do xa sinalado premio do concurso de petiscos .
Esta edición da Festa do Queixo rende homenaxe á emigración, recoñecendo oesforzo e a pegada das persoas que tiveron que marchar fóra e que contribuíron, desde adistancia, ao desenvolvemento económico e social da vila. A lembranza e o agradecemento ás persoas emigradas estiveron moi presentes durante o acto.
Este domingo é o día grande do feiral.
Fuente RSS
