Nunha carreira de substitucións na que cada sete días se anuncia a celebración dalgunha feira de exaltación dos queixos galegos, esta fin de semana tócalle a quenda á Festa do San Simón da Costa. Quedan atrás a Feira de Moeche, a do Queixo de Friol e Pan de Ousá e a de Arzúa. E están na riola a Feira do Queixo do Cebreiro (18 de abril), a Feira do Requeixo e do Mel das Neves (18 e 19 de abril) e a I Feira de Queixos de Pontedeume (26 e 27 de abril). En Vilalba (Lugo) celébrase á volta dunhas horas a XXIX edición da xornada de exaltación do San Simón da Costa. A festa está asegurada, a feira ao redor dela tamén.
Os actos comezan este sábado, 5 de abril, ás 11 da mañá, coa apertura da feira, cuxa carpa principal está instalada na Praza da Constitución. Como novidade haberá ao longo de toda a festa unha cata interactiva impulsada pola Ruta Europea do Queixo, o pregón a cargo de Carlos Blanco e as actuacións de De Ningures e Fillas de Cassandra.
O domingo, 6 de abril, a carpa do queixo abrirá ás 10 da mañá e pola tarde está programado un baile no Centro Cultural amenizado polo Dúo Hora Bruja. Progamáronse moitos actos máis, e todo arroupado por unha importante feira nos arredores da propia festa.
Ofreceranse queixos para todos os gustos, de toda Galicia e das catro denominacións de orixe autonómicas e, para a ocasión, un San Simón da Costa nas súas tres versións: o 'bufón', (de 0,4 a 0,8 quilogramos e 30 días de curación), o de formato grande (de 0,8 a 1,5 quilogramos e unha curación de 45 días) e os de 200 días de curación, dos que se fan menos pezas.
600.000 queixos
En 2024, segundo os datos do Concello Regulador San Simón da Costa, rexistrouse unha produción de 599.659 pezas de queixo, o que supón un total de 563.291 quilogramos e un valor económico de algo máis de cinco millóns de euros. Actualmente hai inscritas na denominación nove queixerías.