A.S.R.
Desde o mediodía ata a hora de xantar, cando os visitantes empezararon a mudar de escenario, a nave na que se celebrou a VIII Feira do Queixo de Moeche foi un fervedoiro de xente. Todos interesados, uns por degustar produtos tan suxestivos como diversos -algún novos- e outros por aprovisionamento e para facer ideais as sobremesas no tránsito cara a primavera. O resumo do resumo está en que a esta edición acudiu máis xente, houbo máis queixo e as vendas medraron.
Os primeiros datos apuntan a que as queixerías venderon máis que na edición de 2025, dato contrastado a pé de posto de venda e coas enquisas feitas polos organizadores, e que se apoia, por exemplo en que, ás tres da tarde, houbera xa produtores que venderan xa todas as existencias.
A alcaldesa do Concello coruñés de Moeche, Beatriz Bascoy, considera que o ano pasado marcou unha inflexión na asistencia de visitantes, que agora se mellora, con aportacións como a novidade de contar co Mercado de Artesanía Agroalimentaria da Deputación da Coruña.
Na súa opinión, a proposta supón a incorporación de novos postos que axudan a consolidar a feira e que supón tamén un aforro nos gastos do concello, ao asumir actividades que non pasaron desapercibidas por os visitantes, que encheron tamén a carpa montada para a ocasión.
Tamén estivo atestada de xente a nave destinada a xantar, con centos de quilogramos de polbo fervendo nas potas. Un dos tres panadeiros que acudiu ao feiral votou contas e concluíu que ao longo da xornada as vendas andarían polas 300 pezas de pan, das grandes, das de mollar, de Palas de Rei.
Entre os productos novos, descatou desta volta o queixo afumado -tamén de barra- de Lácteos de Moeche, así como un produto moi especial que fai Quesos Feijoo para algunhas feiras e en cantidades moi cativas, un queixo dun padal comparable á tetilla, boa tetilla, a de toda a vida, pode que como aquela que de cando en vez celebraba Álvaro Cunqueiro cando lle chegaba como agasallo da man dalgún amigo, se acaso, no coche de liña ou no da feira.
Fuente RSS
