Este sábado, 26 de setembro, a parroquia fenense de Sillobre (A Coruña) celebrará a II Feira do Queixo, na que colocarán posto 11 fabricantes e distribuidores do produto. Haberá tamén postos de artesanía, cestería e coiro.
A feira abrirá as súas portas ás 10 da mañá e pechará ás 18,30 da tarde. A actividade desenvolverase no adro da igrexa parroquial de Santa Mariña. E se chove: que chova!, porque os organizadores -Gandaría Sillobre e Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Agariño- dispoñen dun recinto cuberto a uns metros dalí. Pero as expectativas meteorolóxicas oriéntanse máis cara o bo tempo.
Haberá queixos das catro denominacións de orixe protexida galegas, cunha ampla representación dos ecolóxicos, e non faltarán outros de fóra de Galicia, mel complemento dun requeixo como o que ofrece Gandaría Sillobre, produtos de alimentación diversos e pan -que o pulpo xa vén por diante en calquera feiral deste país-.
E para os amantes do petisco en vivo e en directo, o profesor da Escola de Cociña Icook de Fene José Loureiro repetirá experiencia con pratos acaídos para a ocasión. En 2025 trunfou cun rissoto con setas á galega e queixo fresco de Sillobre e uns ñoquis de grelos recheos de queixo local.
Fuente RSS
