A.S.Rocha
O vindeiro 25 de outubro nace unha nova feira do queixo en Galicia, na parroquia de Sillobre (no concello de Fene/A Coruña), combinando o impulso da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva (SCRD) Agarimo e o diario traballo produtivo e comercial da Gandaría Sillobre. Deste xeito, no que vai de ano, son dous os novos proxectos incorporados á exaltación dos queixos galegos. O primeiro foi a finais de abril, coa celebración da Feira de Queixos de Pontedeume (Merca Queixo).
O proxecto de Sillobre parte das potencialidades locais, cunha fábrica que elabora queixo fresco de leite cru e un requeixo que lle quitan das mans, xunto co respaldo dunha sociedade cultural -cun arraigo moi forte- que está disposta a turrar tamén deste apartado económico para a promocionar o produto.
"Imos ser pioneiros, temos moito que aprender e pode que haxa fallos, pero a ilusión témola toda", sinala Eva María Fraga Pérez, presidenta da Sociedade Agarimo, que confía en que a feira teña continuidade nos próximos anos.
En Fene hai varias queixerías máis, ás que se vai convidar, e espérase que se acheguen outras de Galicia. Tamén se espera que acudan vendedores de mel e que algún cociñeiro ou cociñeira da zona faga as delicias dos asistentes con petiscos elaborados diante do público con materias primas locais.
O encontro celebrarase no entorno do adro da igrexa -espectacular, adianta Eva Fraga- e no caso de que chovese o feira trasladaríase ao amplo local da Sociedade Agarimo.
RSS Feed
