QdeG
Unha ducia de postos de queixo -entre fabricantes e distribuidores de varias marcas- déronse cita este sábado na 1ª Feira do Queixo de Sillobre (Fene/A Coruña), nunha xornada na que ameazou a chuvia, o que puido ser un condicionante para algúns posibles visitantes. Destacaron os queixeiros que acudiron a invitación para expoñer os seus produtos que o fixeron guiados polo labor de colaborar e darlle pulo ao feiral neste primer encontro. Tamén valoraron positivamente as vendas e a decisión do público para mercar. Os organizadores cifraron en máis de mil os visitantes.
A variedade de produto galego quedou patente, con postos ofertando queixos das catro denominacións de orixe protexida galegas, cunha representación ampla dos queixos ecolóxicos. Acudíu unha queixería portuguesa e un distribuidor lucense puxo en circulación tamén queixos de Zamora. Non faltaron postos de venta de mel e outros produtos de alimentación.
O público tivo a oportunidade de seguir a preparación de varios pratos en directo, que logo degustaron camiño de corenta persoas. Deste labor encargouse José Loureiro, profesor da Escola de Cociña Icook de Fene, que fixo un rissoto con setas 'a galega' con queixo fresco de Sillobre e Albariño e ñoquis de grelos recheos co requeixo local.
A feira, organizada conxuntamente por Gandaría Sillobre e pola Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Agariño, contou coa colabaración do Concello local e de Radio Fene.
Os protagonistas
Ademais de Gandaría Sillobre, que vendeu todas as existencias de queixo freso e requeixo, puxeron posto no adro da igrexa parroquial de Santa Marina: Queixería Santo André (Castroverde/Lugo); Lácteos Bretón (Irixoa/A Coruña); Queixería Bisqato (Guitiriz/Lugo); Cooperativa Campo Capela (A Capela/A Coruña); Aromas 4U (Ponte da Lima/Portugal); Gaia Gourmets (Vilar de Santos/Ourense); Queixería Dona Cobina (Agolada/Pontevedra); Lácteos de Moeche (Moeche/A Coruña); e Queixería Pousada (Portomarín/Lugo); así como Distega, que distribuíu queixos da provincia Zamora.
RSS Feed
