Queixos de Galicia
  • Inicio
  • Arzúa-Ulloa
  • Cebreiro
  • San Simón Costa
  • Q. Tetilla
  • Ecolóxicos
  • Novas
  • Contacto
  • Enlaces

Ecoloxicamente teus...


Agricultura Ecolóxica de Galicia / queixosdegalicia.com
O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) cumpriu no 2017 os seus primeiros vinte anos de funcionamento. Os datos  de 1997 son, polo tanto, referencias da arrancada, que teñen a súa base nas producións hortícolas, aínda que a facturación vai collendo un maior peso nas producións agrícolas, coas castañas e as mazás  como protagonistas. As primeiras, para transformación e as segundas destiñadas directamente á produción de sidra. Foron, xunto con algunhas hortalizas, os dous produtos que experimentaron máis avance e desas primeiras cifras  modestas de venda púidose chegar aos 31 millóns de euros que o pasado ano se facturaron no eido ecolóxico.

A fabricación de queixos, como a doutros moitos produtos, foise achegando á agricultura ecolóxica, algúns desde o principio, e xa hai uns anos que o Craega conta con certificacións en tres das catro denominacións de orixe protexidas que hai en Galicia. O queixo do Cebreiro é polo momento a única denominación que queda por facer algunha aportación. Pero todo se ha de andar, no momento en que as explotación medren e poidan chegar a unha produción que faga viable a súa saída cara ao mundo ecolóxico.

Segundo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica, quen se inicia neste novo mercado é difícil que abandoe. A razón e ben sinxela: hai mercado, non fai máis que crecer, e non só no que se refire aos queixos. De feito, a  agricultura ecolóxica volveu  medrar o ano pasado, en concreto un 20 por cento.
Fronte ás 13,35 hectáreas das que se partiu en 1997, dez anos despois, a superficie superaba  as 10.000 e no 2014 acadou as 15.233 hectáreas.

Na última presentación anual do Craega destaca tamén o número de operadores inscritos, con 703 produtores, envasadores e comercializadores.

Aínda que non hai datos concretos específicos para o mundo dos queixos rexistrados no Consello, o certo é que á cabeza das producións por volume de negocio está o leite e os derivados, seguidos da carne, os pensos, as conservas de peixe, os ovos e os froitos silvestes.Tratase, en conxunto, de alimentos cunha forte demanda exterior, sobre todo do norte de Europa.

A boa resposta do mercado é unha circunstancia que cada vez se quere pór máis en valor, polo potencial de crecemento que este tipo de producións presenta en Galicia e pola capacidade de arrastre que poden ter para achegar ás novas xeracións cara ao rural.

A percepción do Craega é que se trata dun sector que está en auxe, no bo camiño, como demostra o incremento dos resultados económicos que se rexistra ano a ano, e os grandes retos que sen dúbida ten por diante.

Un obxectivo prioritario en tempos próximos vai ser o fomento do consumo interno destes alimentos, impulsando máis campañas informativas e logrando situar os produtos tanto nas tendas pequeñas como nas grandes superficies comerciais.

Para impulsar o fomento da agricultura ecolóxica existe unha liña de axudas específica, incluída no novo Plan de Desenvolvemento Rural  2014-2020.

O Consello Regulador

O Craega ten a súa sede en Monforte de Lemos. Nos primeiros momentos, a ubicación que se barallaba estaba un pouco a cabalo entre Ourense e Lugo. Ao final, optouse por unha solución intermedia: a cidade do Cabe.

A produción agraria ecolóxica ou biolóxica constitúe un método diferenciado na producción de alimentos. En Galicia, da súa transparencia en todas as fases, tanto da produción, como da elaboración e distribución, encárgase o Craega que, fundamentalmente, controla e certifica os produtos que tutela. O respecto ao medio ambiente e a conservación e fertilidade do solo son  claves no proceso.
​
A certificación ecolóxica do Craega garante, polo tanto,  que os produtos foron elaboraos e producidos segundo as normas da agricultura ecolóxica. Para conseguir a certificación, hai que estar inscrito no correspondente rexistro.

Imagen
Aviso Legal                        Privacidade                           Política de cookies                                   O Portal dos Queixos de Galicia. Por Queixos de Galicia